O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou esta mañá na xornada inaugural da XXVI escola de verán dos Centros de Promoción Rural-Escolas Familiares Agrarias de Galicia (EFA), que tivo lugar na Coruña, no salón de actos da ONCE, e que se desenvolve ata este venres.
Na súa intervención, o delegado territorial felicitou aos impulsores “dun modelo de escola que xurde da propia sociedade, xa que é a suma dos esforzos de familias e profesionais do medio rural galego”. Rodeiro destacou o obxectivo de “contribuír á promoción dos mozos e mozas do noso rural a través da súa formación, tanto profesional coma social. O noso deber e o noso compromiso é o de avogar por seguir construíndo o futuro do rural”, engadiu. O delegado rematou a súa intervención constatando que “cada vez son máis os galegos novos que ven no rural un bo lugar para vivir e para investir. O compromiso da Xunta é acompañalos”.