Entre as melloras destacan a ampliación de horario, o servizo de comedor opcional e o axuste dos prezos por modalidades, o que permitiu que este ano o servizo chegará a moitas máis familias
Ante as acusacións do PP de Cambre pola falta de previsión nas prazas de campamentos, a concelleira delegada de educación Mª Jesús Gómez puntualiza:
Que durante o goberno do Partido Popular a organización dos campamentos era “unha tomadura de pelo e unha falta de previsión”, xa que ninguén se molestou en adaptar o servizo de campamentos urbanos de verán ás verdadeiras demandas dos pais. Lembra que ata este momento, para moitos veciños o campamento municipal non era unha opción, porque simplemente non cubría as súas necesidades.
Sinala que as prazas son as mesmas que en anos anteriores, pero coas melloras que se incorporaron como son a ampliación de horario, o servizo de comedor opcional e o axuste dos prezos por modalidades, o que permitiu que este ano o servizo chegará a moitas máis familias. “Como xa expliquei no pleno, téñense previstas unha serie de medidas para ampliar certo número de prazas, pero para a primeira quincena será imposible levalas a cabo por un mero trámite administrativo. E reitérome no devandito das 60 persoas da lista de espera publicada na web do concello, quedan 44, das cales 10 presentaron a solicitude fóra de prazo e 3 son non empadroadas”.
“Non consentirei que poidan acusar a alguén de falsear datos, eles terían que saber que as listas sofren modificacións, supoño que será porque durante o seu mandato ninguén se molestou en saber como estaban as listas de admitidos, do mesmo xeito que nesta ocasión acusan de falsear datos sen molestarse en contrastalos”.
Doutra banda, nas cartas enviadas aos non admitidos, ofrecéuselles a posibilidade de informarlles e poñerlles en contacto con entidades educativas, deportivas e culturais do municipio que ofertan campamentos similares, “non se lles propón que acudan a eles como din desde o PP, os pais sempre teñen plan B, de feito as solicitudes para asistir aos campamentos municipais é mínima se temos en conta o número de poboación escolar á que vai dirixida”. Segundo a concelleira, os resultados foron moi positivos, xa que por primeira vez a demanda supera á oferta de prazas no mes de Xullo, e en agosto cóbrense case ao 100%. “Isto demostra que estamos a traballar para os nosos veciños e non permanecemos no inmobilismo como outros. Tamén recoñezo que queda moito por facer e niso estamos, tentando mellorar día a día os servizos municipais”.