Unha quincena de maiores de Oroso participou nunha nova edición dos “Martes saudables”, que este mes estiveron dedicados á musicoterapia. Damián Cairo Touriño, profesor de guitarra da Escola Municipal de Música de Brión, explicoulles aos asistentes o valor da música para traballar tanto o corpo como a mente das persoas.
Damián Cairo comezou cunha pequena introdución na que invitou aos presentes a definir e reflexionar sobre as diferenzas entre ruído, silencio, son e música. Despois, invitounos a identificar distintos estilos de música e a sumarse a cantar e bailar aquelas cancións que máis lles gustaran. Neste sentido, Cairo Touriño explicou que a música axuda a que as persoas maiores movan os seus corpos ao ritmo da música, o que mellora a súa coordinación física, e a que exerciten as súas mentes, xa que traballan os seus recordos tanto para identificar as cancións que mais lles gustan como á hora de lembrar as letras para poder cantalas.
Unhas recomendacións que os maiores de Oroso poden poñer en práctica os últimos sábados de cada mes. Ese día, a partir das sete da tarde, o centro cultural de Sigüeiro acolle o Baile para a Terceira Idade. O bailde deste mes de novembro terá lugar o sábado 29 co grupo “Los Satélites”.