Un total de 53 rapaces e rapazas participaron na primeira das excursións programadas polo Concello de Frades para este verán. Unha saída que tivo como destino o Galipark (Padrón), onde os nenos e nenas de Frades visitaron o xardín botánico, participaron en obradoiros e desfrutaron tanto de xogos individuais (como o tobogán acuático, inchables, tirolesas, tiro con arco…) como colectivos (paintball láser, circuíto de altura ou muro de escalada).
A próxima excursión para nenos e nenas terá lugar o vindeiro 28 de xullo, cunha visita ao Aquapark de Cerceda. Antes, este sábado 8 de xullo celebrarase en Frades o Día do Neno. Así, a partir das 10:00 horas terá lugar o Campionato Municipal de Pesca na área recreativa do río Maruzo (Céltigos), dirixida a menores de 16 anos. Inscricións no Concello de Frades antes do 5 de xullo (981 695 567). Pola tarde, a partir das 16:00 horas, gran festa na piscina municipal de Papucín con inchables, xogos populares, tren turístico, festa da escuma, lambonadas e moitas sorpresas. Merenda a cargo do obradoiro “Ponlle as pilas ao teu bocata” e actuación de “As parábolas de Pakolas”.