Friday 22 de November de 2024

As festas patronais de Ordes renóvanse


A asociación encargada de organizar a celebración da Santa María presenta un cartel cheo de novidades onde se dan a man a tradición coas actuacións de grupos como Los Limones, Seguridad Social ou Luar na Lubre

O próximo mes de agosto Ordes vivirá unhas festas patronais completamente renovadas, cheas de sorpresas, novidades e con cabida para todo tipo de públicos. O labor desenvolvido pola Asociación Cultural e de Festexos da Vila de Ordes déixase ver no cartel que vén de presentar. Nel por primeira vez mestúranse os sons máis tradicionais con actuacións de grupos de sonada fama a nivel nacional e con estilos do máis diversos.
O televisivo veciño Pablo Meixe, actor, humorista e monologuista, será o encargado de ofrecer o pregón que marcará o arranque das celebracións o domingo día 13. Un día no que Los Satélites, xa con case 80 anos ás súas costas facendo bailar a varias xeracións, estarán acompañados pola orquestra Principal. O luns día 14 os ritmos máis famosos dos anos 80 serán os protagonistas. O I Festival Sons de Ordes reunirá no mesmo escenario a Los Limones e Seguridad Social, co que seguro que milleiros de persoas entoarán retrousos ben coñecidos por todos e todas.
O día grande de celebración será o martes 15, Día de Santa María. Unha xornada na que veciños e veciñas renderán ás 12 horas tributo á patroa da vila na misa solemne e na tradicional procesión. Os gaiteiros e cabezudos de Asociación Cultural Espadana, a charanga O Recobio e a Banda de Música Municipal de Padrón animarán este día. A sesión vermú correrá a cargo de Galilea, que volverá a animar a noite a carón de Armonía Show, que este ano celebra o seu 20 aniversario por terras galegas.
Como cada ano o 16 de agosto o pobo de Ordes cederalles o protagonismo e homenaxeará aos seus emigrantes. Ás 13 horas haberá misa solemne seguida da ofrenda no monumento erixido á diáspora local situado a carón do Concello. Este día a orquestra Alaska fará bailar a festeiros e festeiras tanto na sesión vermú como na verbena nocturna. Precisamente esa mesma noite para pechar as festas terá lugar unha das actuacións máis esperadas, a de Luar na Lubre, que está a conmemorar o seu XXX aniversario.
A Asociación Cultural e de Festexos da Vila de Ordes conta coa colaboración da Deputación da Coruña e do Concello de Ordes para a posta en marcha destas festas. As persoas que desexen contribuír poden facelo a través da conta ES34-0238-8188-2506-0105-1240 do Pastor Grupo Banco Popular.
Para máis información pódese consultar o blog festexosordes.com ou ben a través do Facebook da dita asociación.