A campaña desenvolverase en prensa, radio, televisión e redes sociais e compleméntase co reparto de 40.000 carteis por todas as vilas e cidades de Galicia
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou hoxe a campaña institucional da Xunta para o 25 de novembro, Dia Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero, nunha rolda de prensa á que tamén asistiron os seus dous protagonistas: Jose Ramón Gayoso e David Amor.
A campaña recupera o lema do ano pasado, ‘Se a maltratas a ela, maltrátasme a min’, e está protagonizada por estes dous populares rostros galegos, que ofreceron a súa imaxe de xeito totalmente desinteresado. O presentador e o humorista recollen o testigo do actor Federico Pérez e o triatleta Javier Gómez Noya, imaxe da campaña en 2013.
O obxectivo desta iniciativa é sensibilizar á sociedade da necesidade de erradicar “entre todas e todos” a lacra da violencia machista e facer especial fincapé na poboación menor de 30 anos e maior de 65, dous dos sectores máis afectados por este problema.
Segundo explicou López Abella, tense detectado que a poboación máis nova está reproducindo de maneira preocupante un sexismo e uns estereotipos de xénero que parecían erradicados. No caso das mulleres maiores de 65 anos, a convivencia prolongada co agresor levan a cronificar e normalizar estas situacións.
A campaña desenvolverase en prensa, radio, televisión -coa colaboración da CRTVG- e nas redes sociais. Ademais, repartiranse 40.000 carteis por todas as vilas e cidades de Galicia co rostro dos protagonistas e o lema da campaña. Distribuiranse en locais comerciais, de hostalería, edificios públicos, concellos, centros de saúde, centros educativos e xulgados
Andaina contra a violencia de xénero
Doutra banda, no marco do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, a titular de Igualdade anunciou que este domingo, 23 de novembro, terá lugar o “Camiño ao respecto”, unha andaina contra a violencia de xénero organizada pola Xunta de Galicia.
López Abella animou a todas e todos a que se sumen ao percorrido que partirá as 11,00 horas da mañá do Monte do Gozo e rematará sobre as 12,30 horas na Praza do Obradoiro coa lectura dun manifesto contra a violencia de xénero.
A andaina ten dous obxectivos principais: promover a participación cidadá a prol do rexeitamento público e formal contra a violencia de xénero e sensibilizar sobre a importancia de valores como o respecto e a igualdade entre homes e mulleres, valores que segundo a secretaria xeral “encarna o Camiño de Santiago”.
Cifras en Galicia
Segundo os últimos datos oficiais, no primeiro semestre de 2014 en Galicia presentáronse 2.569 denuncias por malos tratos e no que vai de ano os xulgados galegos comunicaron 694 medidas de protección; entre medidas cautelares e ordes de protección e afastamento.
Así mesmo, Susana López Abella informou de que a día de hoxe 336 mulleres vítimas de violencia de xénero en Galicia están a percibir algún tipo de axuda económica -periódica, pago único ou indemnización- da Xunta de Galicia; ao tempo que lembrou que recentemente o seu departamento ampliou o crédito das axudas periódicas en algo máis de 345.000 euros.