A secretaria xeral da Igualdade puxo a Lousame como “un exemplo de xestión en concellos rurais” e destacou que os pequenos recibirán “educación dende unha perspectiva de xénero”
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou esta mañá Lousame para coñecer de primeira man o seu programa de conciliación, Lousame Concilia, que dende hoxe atende a corenta nenos e nenas de 3 a 12 anos nas instalacións do CPI Plurilingüe Cernadas de Castro en horario de 9.30 a 14:30 horas. Un programa organizado pola Concellería de Igualdade de Lousame e conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo, que en 2016 achegaron preto de 8.000 euros á iniciativa.
A secretaria xeral e a alcaldesa do Concello de Lousame, Teresa Villaverde, visitaron hoxe aos corenta nenos e nenas que participan no Lousame Concilia dende hoxe e ata finais de agosto. “Trátase dun servizo moi importante e aprezado polas familias para a conciliación da vida laboral e familia”, explicou Teresa Villaverde, quen lembrou que 2016 foi o primeiro ano no que o Concello de Lousame ofertou este programa en todos e cada un dos períodos de vacacións escolares.
“Para un concello rural coma nós é un gasto moi importante, polo que temos que agradecer a colaboración que nos ofrece a Secretaría Xeral da Igualdade”, apuntou Teresa Villaverde, quen anunciou que unha das novidades deste ano será que “parte da formación será impartida en inglés grazas á colaboración de dúas rapazas do Voluntariado Europeo, que veñen de incorporarse ao Concello de Lousame para os próximos meses”.
Perspectiva de xénero
Pola súa banda, López Abella salientou que Lousame “é un exemplo de xestión en concellos rurais. Agradecemos o investimento en programas como Lousame Concilia porque se está traballando para que haxa as mesmas oportunidades nos concellos grandes e pequenos. Sabemos que iso é un esforzo moi importante e Lousame é un exemplo de como facer máis con menos”.
A secretaria xeral da Igualdade salientou que “ademais de ser unha axuda ás familias, estes nenos e nenas recibirán unha educación dende unha perspectiva de xénero. É importante que as técnicas sexan especialistas en materia de igualdade. Ogallá os 313 concelllos fixeran actividades deste tipo porque, ademais de ser un valor para a familia os nenos aprenden a xogar respectando e medran sabendo o valor das cousas.”
O Goberno galego subvencionou esta iniciativa ao abeiro da orde de axudas e subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción de igualdade en 2016. Para este ano 2017, a convocatoria desta orde de axudas está dotada con máis de 4,2 millóns de euros para toda Galicia.