Friday 22 de November de 2024

O Pleno rexeita a proposta de estudo da inclusión de Ordes na área metropolitana da Coruña


Aprobadas por unanimidade as solicitudes para declarar a Festa do lacón con grelos de Interese Turístico e a petición dunha prórroga para a presentación de alegacións no proceso de regularización catastral

A oposición ordense rexeitou a proposta plantexada polo Goberno Local de solicitarlle á Xunta de Galicia o estudio para a inclusión do municipio nos trámites para a creación da área metropolitana da Coruña. Unha negativa argumentada na súa meirande parte pola suposta perda de peso específico que acarrearía para Ordes como cabeceira de comarca, apostando preferiblemente por encaixalo como “núcleo vertebrador e centro de servizos entre a zona da Coruña e Santiago”. Tamén se apelou á preferencia por potenciar á Mancomunidade de Ordes “como área metropolitana propia de cara a un futuro” e a implantación de “estructuras comarcais máis beneficiosas para Ordes e os demais concellos da comarca”

.

Neste aspecto o Goberno Local reafirmouse na súa postura a prol desta medida. Na súa defensa botou por diante o informe emitido por Secretaría, no cal se indica a idoneidade da integración de Ordes de cara á coordinación dos transportes de viaxeiros e na súa infraestrutura. Nel tamén se garante o mentemento das competencias propias do Concello. “É máis, perderemos a oportunidade de beneficiarnos de importantes axudas económicas como poden ser os fondos europeos. Incluso podemos quedarnos aillados si Cerceda se adhire á área da Coruña e Oroso reafirma o seu crecemento na de Santiago” advertiu José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes.

Interese turístico

Unanimemente aprobouse a moción presentada pola concelleira non adscrita na que se lle solicita ao Consello da Xunta de Galicia a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Festa do lacón con grelos do Mesón do Vento. A previsión é iniciar o expediente a partir de abril de 2018, cumprindo deste xeito co requisito ineludible dos vinte anos de antigüidade que como mínimo se deben constatar. Expediente este no que o goberno local xa fixo en 2016 os primeiros contactos coa Xunta a través do departamento de Cultura, pero que non podía avanzar por non terse cumprido o requisito ineludible dos 20 anos de celebración.

Ante a segunda moción presentada por parte da concelleira non adscrita na que solicitaba melloras de accesibilidade nun tramo situado no Mesón do Vento, o Goberno informou que a día de hoxe xa ten iniciados os trámites para a ampliación da beirarrúa existente. Ante a aprobación dos demais membros da Corporación o voto en contra do Goberno baseouse no aspecto formal de que dita solicitude debería presentarse como rogo e non como moción ao tratarse dunha competencia exclusiva do Goberno. Por outra banda, e segundo o criterio dos técnicos, a mellor solución para esta problemática coincide coa decisión acadada de ampliar a beirarrúa e non pola eliminación de farolas como se proponía na dita moción. Sobre todo tendo en conta que se trata “dun tramo a caron da estrada e a normativa e o sentido común non aconsellan eliminar todos os puntos de luz que se solicitan”, puntualizou o rexedor.

Tampouco se chegou a acordo na moción defendida polo BNG na que se pedía o apoio da Corporación ao conxunto de propostas plantexadas polo sindicato CIG para a creación de emprego e a reactivación da economía da comarca. Entre outras moitas medidas figuran as axudas a proxectos de deslocalización de empresas do sector téxtil e o apoio institucional a pequenas e medianas empresas, plans orientados ao sector forestal e gandeiro para garantir prezos xustos, campañas de consumo de productos autóctonos, derogación da reforma laboral e potenciación de políticas activas de emprego ou a creación do Instituto Galego de Emprego e Formación Profesional. Todas as forzas votaron a favor agás o Goberno que se opuxo ao que considerou “unha batería de medidas para cambiar o sistema liberal que tanto nas eleccións autonómicas como nas xerais escolleron os cidadáns, e que nós non temos posibilidade de mudar dende o ámbito municipal”, en palabras de Susana García.

Sector téxtil

A concelleira tamén fixo alusión á preocupación do seu equipo pola situación que atravesan as persoas que traballan tanto no ámbito do téxtil coma noutros, e lembrou tanto “os plans estratéxicos levados a cabo pola Xunta, como as xuntanzas de traballo mantidas coa administración, empresarios, acreedores e traballadores nas que participou o alcalde”. Na súa exposición tamén fixo referencia ao labor desenvolvido pola Oficina do Fomento ao Cooperativismo da Mancomunidade de Ordes “que ao longo desta semana celebrou varios encontros con traballadores, traballadoras e representantes do sector”.

Por último, todos os grupos votaron a favor da proposta dos nacionalistas para solicitar unha prórroga para a presentación de alegacións no proceso de regularización catastral. Neste punto o rexedor ordense manifestou a súa sorpresa polos máis de 3000 expedientes rexistrados no termo municipal. Ao texto inicial engadíuselle a emenda de UXO na que se pide o rexeitamento formal por parte do pleno da reforma catastral. Tamén houbo que sumarlle outras dúas por parte do Goberno nas que pide a exención da taxa de 60 euros e a devolución das que xa se levan aplicadas, e demandarlle á Xerencia Rexional do Catastro de Galicia a que inclúa as cartografías oficiais das segundas fases nas concentracións parcelarias de Beán-Pereira, Mercurín-Lesta e Parada; para evitar que a veciñanza continúe recibindo notificacións de inmobles dos que xa non son titulares. Ademais tamén se analizará a posibilidade de que nas vindeiras semanas persoal técnico continúe asesorando a quen o precise, segundo a demanda que se rexistre por parte da veciñanza.