O alcalde comprometeuse a darlle o nome de Gerardo Abad Conde a unha rúa do municipio
O PSOE de Ordes celebra que o Partido Popular volvese a quedar só unha vez máis no pleno municipal durante a votación da moción do Grupo de Goberno para incluír a Ordes na área metropolitana da Coruña. Unha moción que foi desestimada cos votos en contra de todos e cada un dos grupos municipais de Ordes.
O voceiro municipal socialista, Alejandro Manteiga, preguntoulle ao alcalde se pretendía desmantelar a Mancomunidade de Ordes, sobre todo agora que o Pleno decidiu apartalo da representación do Concello no entre supracomarcal. Manteiga asegurou que “esta moción parécenos unha manobra política que en nada beneficia aos veciños e veciñas de Ordes”.
É máis, o voceiro municipal socialista puxo sobre a mesa que esta “fuxida cara adianta de cobardía” do alcalde abre moitos interrogantes sobre o futuro dos servizos que recibe a veciñanza de Ordes, empezando polos que presta a Mancomunidade de Ordes. “Onde imos estar, señor alcalde? Para unhas cousas na Coruña e noutras en Santiago?”, preguntou sen resposta Alejandro Manteira, que se preguntou “que pasaría co PAC? Quedaría en Ordes? Seguiremos na área sanitaria de Santiago ou pasaremos á da Coruña? E que pasaría cos xulgados e co rexistro?”.
Unhas preguntas que o alcalde ordense non respostou e que levaron ao voceiro municipal socialista a recomendarlle que “o máis conveniente é potenciar a Mancomunidade e facela medrar, non intentar desmantelala”.
Gerardo Abad
Por outra banda, os socialistas de Ordes lograron o compromiso do alcalde de darlle o nome de Gerardo Abad Conde a unha rúa da vila. Abad Conde (Ordes, agosto de 1881) foi un avogado e político, chegando a ser ministro de Marina durante a II República Española, e que foi asasinado en Madrid o 10 de setembro de 1936. Licenciado en Dereito e catedrático de Lexislación Mercantil e Lexislación Marítima nas Escolas de Comercio da Coruña e Vigo, foi director da Escola Náutica herculina.
Foi concelleiro na Coruña durante varias lexislaturas e alcalde do 1918 ao 1919. En 1930 participou no Pazo da Hermida (Dodro) no Pacto de Lestrove, entre políticos galeguistas e republicanos galegos para proclamar un réxime republicano e a consecución dun Estatuto de Autonomía para Galicia. Subsecretario do Ministerio de Comunicacións coa II República, en xullo de 1933 foi elixido vogal do Tribunal de Garantías Constitucionais e ese mesmo ano foi nomeado presidente do Consello de Estado A principios de 1935 foi nomeado Ministro de Mariña e catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade da Laguna.
Así mesmo, o alcalde aceptou tamén a proposta socialista de colocar unha placa conmemorativa do Irmandamento do Concello de Ordes coa cidade de Veracruz, que terá lugar o próximo 6 de outubro, imitando así a iniciativa da cidade mexicana.
Mocións
Por último, o PSOE de Ordes votou a favor das mocións presentadas polo BNG, se ben lamentou en ambas a actitude do alcalde e do Partido Popular. “Estamos de acordo coa proposta do Bloque para que a xente teña tempo e información suficiente diante do catastrazo”, expuxo Alejandro Manteiga, quen lamentou que “o grupo socialista xa advertiu disto neste mesmo pleno hai anos e o señor Martínez Sanjurjo, daquela na oposición, dixera que era algo que non tiña visos de levarse a cabo. Que llo diga agora aos veciños, que recibiron máis de 3.200 cartas do señor Montoro e que tiveron que perder case 200.000 euros”.
Así mesmo, o voceiro municipal socialista amosouse de acordo coas propostas da CIG para a mellora do sector téxtil e agrogandeiro de Ordes, lembrando que “dende o partido socialista sempre apoiamos ambos sectores, levando iniciativas tanto a nivel local como no Parlamento de Galicia e a pesares das negativas do Partido Popular, que semella que agora é cando quere poñerse detrás da pancarta para saír na foto”.