Entrará en funcionamento o curso que vén e contará cunha oferta inicial de 90 prazas en inglés e tres grupos, un en nivel básico e dous en intermedio
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poñerá en marcha o vindeiro curso 2017/18 a primeira sección da Escola Oficial de Idiomas (EOI) no concello de Melide. Trátase dunha sección adscrita á EOI da Coruña que contará cunha oferta inicial de 90 prazas de inglés. Este próximo curso xa ofertará tres grupos neste idioma: un grupo en 1º nivel básico (A1) e dous grupos en 1º nivel intermedio (B1), mentres que nos seguintes anos implantaranse de forma progresiva os restantes niveis.
As persoas interesadas poderán realizar a inscrición en liña no mes de xullo a través da EOI da Coruña, mentres que a matrícula se formalizará no mes de setembro. En todo caso, a orde, con todos os detalles, publicarase proximamente no Diario Oficial de Galicia.
Coa apertura dunha sección en Melide, que estará situada no IES de Melide, o departamento educativo da Xunta de Galicia busca atender a demanda da poboación interesada na aprendizaxe de idiomas tanto no propio concello, como nas súas zonas de influencia.
A nivel xeral, Galicia conta con once EOI na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo, Ferrol, Vilagarcía de Arousa, Ribadeo, Viveiro e Monforte de Lemos. Así mesmo, e co fin de reforzar o papel destes espazos, ao longo dos últimos anos foise ampliando a rede de escolas oficiais de idiomas coa creación das seccións.
Na actualidade existen un total de 28 –ás que se suman agora a sección de Melide, e tamén a de Chantada–, que xogan un papel fundamental á hora de facilitar o acceso das persoas adultas ás ensinanzas de idiomas, especialmente de inglés.