Un ano máis o alumnado da Escola Municipal de Música José Verea de Oroso volveu poñer de manifesto que a sala de usos múltiples do centro cultural de Sigüeiro lles queda pequena. Durante o seu xa tradicional concerto de fin de curso, centos de veciños e veciñas de Sigüeiro puideron desfrutar das actuacións da orquestra e o coro da Escola José Verea, que estiveron precedidos polos máis pequenos da entidade, os nenos e nenas de Música e Movemento, que arrancaron os maiores aplausos da tarde. Ademais, nalgunhas das actuacións tamén estiveron acompañados por mestres da escola orosá.
O director da Escola Municipal de Música José Verea, Juan Ramón Salgueiro, explica que “a oferta musical foi variada e incluíu, como vén sendo habitual, tanto música clásica como moderna”. Salgueiro apuntou que “dende a Dirección da Escola queremos agradecer ao Concello de Oroso a súa aposta pola cultura e, por suposto, o esforzo tanto do alumnado como das súas familias durante todo o curso”.