O pleno municipal do Concello de Frades aprobou por unanimidade o proxecto de construción dunha ponte sobre o río Maruzo, na localidade de Augas Santas, e a súa inclusión no Plan de Infraestruturas Rurais 2017 da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia. “Trátase dunha ponte que está en mal estado e para a que xa pedimos axudas tanto á Xunta como á Deputación”, explica o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, quen explicou que a obra conta cun orzamento de algo máis de 80.000 euros e un prazo de execución de tres meses.
Así, o informe técnico explica que o paso actual sobre o río Maruzo está resolto mediante un tubo de aceiro que presenta roturas na zona de contacto coa auga, o que fai preciso a súa substitución para garantir a seguridade dos usuarios que empregan esta estrada. As obras consistirán na substitución da obra de drenaxe danada por outra maior que garanta a seguridade viaria e peonil: un marco prefabricado de formigón armado de 5 x 4,5 metros e cun ancho de taboleiro de 8 metros, fronte aos cinco actuais.
Unha vez colocado este marco, colocaranse os muros de acompañamento de pedra de granito e reafirmarase a estrada con triplo tratamento asfáltico, así como coa colocación dunha varanda metálica. Como a actuación terá lugar nunha zona con especiais valores naturais, xa que afecta parcialmente ao LIC Río Tambre, o proxecto inclúe a rexeneración paisaxística da contorna da ponte e a plantación de especies autóctonas.
IBI
O pleno tamén aprobou por unanimidade o Padrón do Lixo 2017 e un cambio no artigo 9 da ordenanza reguladora do Imposto de Bens Inmobles por unha cuestión formal á hora de conceder as bonificacións do 95% da cota íntegra do IBI naquelas edificacións onde se desenvolvan exclusivamente actividades agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario. O alcalde de Frades explicou que o cambio vén derivado do feito de que o Concello ten cedida na Deputación a competencia para o cobro de impostos e taxas, polo que lle corresponde ao Concello declarar que as solicitudes presentadas polos veciños se corresponden con inmobles de especial interese ou utilidade municipal; mentres que a entidade provincial será quen aprobe a concesión das bonificacións.
Este cambio provocará que os veciños e veciñas teñan que entregar as súas solicitudes antes do 5 de decembro de cada ano, pois é preciso darlle un tempo á Deputación Provincial da Coruña para que proceda á súa aprobación. Como exemplo, en 2016 o Concello de Frades aprobou tanto as solicitudes como a concesión das bonificacións nun pleno celebrado o 30 de decembro. O cambio foi aprobado cos 8 votos a favor do PP e as 3 abstencións do BNG.