Oza-Cesuras recibe máis axuda que o resto dos municipios porque así está reflectido nas bases de todas as convocatorias que realiza a Deputación
O Boletín Oficial da Provincial publica a relación de proxectos que financiará a Deputación da Coruña dentro dun novo plan creado para a realización de obras relacionadas co medio ambiente nos 82 concellos menores de 20.000 habitantes.
O plan conta cun orzamento de 550.000 euros e servirá para financiar, entre outras obras, a instalación dun sistema de calefacción con biomasa no local social de Lañas, a reparación de parques infantís e circuítos biosaludables en Abegondo, a adquisición de papeleiras e colectores en Arzúa, a adecuación do campo de fútbol de Freán en Carnota ou a creación dun horto urbano, ecolóxico e comunitario na contorna de Tarrío-Perlío en Fene.
O concello de Oza-Cesuras, como é habitual nas concesións de axudas da Deputación da Coruña, recibirá máis cartos que o resto dos concellos, xa que así o establecen as bases das convocatorias que se publican desde que tivo lugar a fusión dos dous municipios.