Enhancing Competences to Meet Young Neet’s Needs é a denominación dun proxecto europeo co que se pretende mellorar as competencias dos servizos públicos que traballan coa mocidade, co obxectivo de reducir os casos de persoas novas que nin estudan nin traballan. San Sadurniño participou nesta iniciativa xunto con entidades de Italia, Grecia, Polonia e Romanía. O programa iniciado en 2015 conta con finanzamento do Erasmus + e a súa finalidade última foi a de obter un manual de boas prácticas para a dinamización xuvenil do que poidan botar man institucións públicas e privadas. O Concello celebrou esta mañá o denominado “evento multiplicador” para darlle difusión ás principais conclusións. Ademais de persoal técnico de distintas administracións e entidades, á xornada asistiu mocidade de dentro e fóra do municipio e tamén a Directora Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez, quen cualificou o proxecto como “moi interesante e necesario”, apuntando que os seus resultados “son exportables a outros concellos e entidades”.
Vázquez iniciou a súa intervención felicitando ao Concello pola iniciativa, “importante non só para San Sadurniño, senón para toda Galicia” e brindando o apoio “técnico e de asesoramento” do seu departamento “para continuar desenvolvendo programas no marco do Erasmus+ ou de calquera outro”. A este respecto, a directora xeral lembrou que Galicia é unha das comunidades máis activas -a 5ª do Estado, segundo dixo- executando os fondos deste programa europeo “coa implicación dos concellos e de entidades”.
A representante do goberno autonómico -a primeira en intervir por razóns de axenda- convidou á xente nova a “aproveitar as oportunidades” que ofrecen as actuacións aniñadas en iniciativas europeas, como poden ser a Iniciativa Xove ou o programa Galeuropa, a través das que se poden “implementar currículums e habilidades sociais, que é o que reclaman as empresas”.
Secundino García fixo unha introdución do proxecto destacando “o traballo intenso de dinamización xuvenil feito en San Sadurniño e nos outros concellos do ECMYNN” puntualizando que, no caso galego, un dos principais problemas é, precisamente “a falla de xuventude” por mor da actual tendencia demográfica.
O rexedor local centrou parte da súa intervención no obxectivo municipal de implicar a mocidade na toma de decisións e, nomeadamente, na posta en funcionamento da Casa da Xuventude que, en palabras de García, “non pode quedar nun simple edificio” senón que debe ser a xente nova “quen o use como queira”. O alcalde rematou destacando o traballo desenvolvido polo persoal técnico nos últimos dous anos e engadiu que o ECMYNN tamén foi “moi positivo” debido ás posibilidades que ofreceu de “aprender doutra xente”.
Mocidade e persoal técnico
Logo da apertura da xornada iniciáronse as palestras arredor do tema principal: a mocidade, a súa activación social e a súa integración no mundo laboral, empezando por unha radiografía exposta polo técnico municipal de Desenvolvemento local, Ignacio Fernández, para quen os principais problemas da mocidade son “o desemprego ou o emprego precario, a falla de mobilización social e a baixa motivación”. Circunstancias acentuadas polo contexto de crise e dunha “situación de incertezas económicas e laborais” que propician o fenómeno ninnin.
Fernández falou da dificultade para acoutar que poderían denominarse así, ninnin, que serían un colectivo de persoas que nin estudan nin traballan por distintos motivos e sobre o que non existen datos estatísticos fiables. Porén, o que si se detectou no estudo é que se trata dun colectivo socialmente invisible e que existe unha falla de confianza e unha desconexión con respecto ás administracións debido á que estas “non falan o mesmo idioma” que a mocidade.
Para o técnico o sistema educativo “está fallando estrepitosamente” á hora de facilitar o paso do ensino ao mercado laboral e avoga -de acordo cos resultados do ECMYNN- por “traballar as competencias non formais”, as denominadas “soft skills” ou materias transversais -comunicación, idiomas, etc.-, ademais de promover o autocoñecemento, que a mocidade se fixe metas e que aprenda a asumir e xestionar riscos, tan importantes para o emprendemento. Cuestións ás que debe unírselles a valoración do esforzo e a potenciación do talento.
Ademais de persoal técnico, na xornada da mañá tamén houbo representación da rapazada que participou na parte de investigación e nos distintos encontros realizados dentro do ECMYNN para coñecer de primeira man as necesidades e aspiracións da xente nova de San Sadurniño e do resto da comarca. O sociólogo Ismael Blanco dirixiu un pequeno debate con tres rapaces e dúas rapazas que deixaron intervencións que dan que pensar. “Na escola non te forman como persoa nin sobre como ser feliz. Non nos ensinan a coñecernos a nós mesmos. Fáltanos formación persoal que nos axude a construírnos como persoas, para sermos quen lle deamos a solución aos nosos propios problemas. Ás veces hai moita presión familiar porque fagamos carreira en vez de facer un ciclo. A xente ten que poder facer o que lle gusta, sen forzar. Hai que abrir a mente e deixarnos estudar o que nós queremos”. Aí queda iso para quen queira escoitar, dito por rapaces e rapazas que non chegan aos 18 anos.
Outras experiencias
A segunda parte da mañá estivo centrada en coñecer outras experiencias, da man da Fundación Eduardo Pondal, do Concello da Coruña, da Deputación e da Dirección Xeral de Xuventude.
Por parte da Fundación Eduardo Pondal interviu Tamara Lema para explicar os proxectos que desenvolve esta entidade radicada en Ponteceso, que ten entre os seus proxectos máis salientables o festival “Con V de Valarés” ou a “Escoliña de Verán”. Dúas iniciativas que saen adiante con voluntarios e voluntarias con coñecementos en distintas áreas que aproveitan ambas propostas para se coñecer e avanzar na súa formación profesional e transversal.
Ademais, a fundación cobre un dos seus obxectivos fundamentais: “crear identidade ao redor da aldea do Couto” e, ademais, “recuperar a vida social” da zona por medio do traballo interxeracional que, desde sempre, se reproduciu nas aldeas. De feito, a Escoliña de Verán -unha sorte de campamento vacacional para nenos e nenas- impárteno xente de todas as idades, que se benefician dunha práctica de grande utilidade para o seu futuro profesional.
Por parte da Deputación, a técnica de proxectos e xestión Sofía Agrafojo, destacou o “cambio” que se está dando para implementar o traballo coa mocidade no ente provincial, malia a complexidade que entraña por mor da distancia entre a sociedade e este organismo e polo feito de que “hai moitas diferencias no contexto territorial dos concellos” así como nas políticas que cada un deseña para ese ámbito da poboación.
Sobre esta cuestión, a asesora de participación do Concello da Coruña Natalia Balseiro, sinalou que as administracións “teñen que xerar contextos para que a xente nova saiba quen é”, apuntando que “é un erro que haxa concellarías da mocidade e que a maior parte das políticas vaian ao lecer” xa que, segundo dixo “todos somos persoas e as políticas deben ser transversais”. Balseiro referiuse tamén aos xeitos de conectar coa xente nova sinalando como imprescindible o boca a boca: “é importante, ademais das redes, a comunicación persoal e que haxa xente nova que vaia falar con outra xente nova”. Para iso na Coruña puxeron en marcha as “antenas xuvenís”, é dicir, rapaces e rapazas que lle trasladan información municipal interesante aos seus compañeiros e compañeiras. “É a propia mocidade quen fai ese labor, ao tempo que adquiren competencias xestionando información e transmitíndoa de distinas maneiras”.
A última intervención foi a do dinamizador xuvenil Fernando Rodríguez. Explicou que o seu traballo na Rede Galega de Dinamización Xuvenil -formada por el e outras 8 persoas- consiste en reducir a fenda existente entre a mocidade e a Xunta de Galicia. Para iso son “moi flexibles” en canto aos encontros coa mocidade, centrados en xuntanzas maiormente informais e sen horarios para asesorar á xente nova “sobre todos os programas que saen de Santiago”.
Rodríguez insistiu no mesmo que a Directora Xeral: que a mocidade aproveite o Erasmus+ e, sobre todo, o Voluntariado Europeo xa que, tal e como asegurou “transforman a xente”. Segundo Rodríguez, o voluntariado “é util para meditar a decisión que se debe tomar ao remate do bacharelato sobre que estudar”. Tamén falou sobre as oportunidades da Iniciativa Xove, con ata 5.000 euros de axuda e un adianto do 80% dos fondos para que as agrupacións xuvenís poidan levar adiante proxectos de todo tipo. Por último, o técnico reflexionou sobre a necesidade de “desestigmatizar a posibilidade do fracaso” para que a mocidade poida asumir riscos que lle permitan avanzar.
A xornada de mañá coa que se clausurou o ECMYNN finalizou pasadas as 14.00h. Porén, durante a tarde tamén se está desenvolvendo o encontro “A rapazada conta” co obxectivo de verificar coa xente moza os principais datos obtidos e procurar unha maior implicación xuvenil na definición das políticas públicas orientadas á formación e o lecer.