Friday 22 de November de 2024

11 nenas e nenos dinlle adeus á Rolada


A Escola Infantil Municipal A Rolada de San Sadurniño celebrou esta mañá na Casa da Cultura a súa festa de final de curso. Un evento protagonizado pola música e polo ambiente propio deste tipo de actos nos que a risa se mestura case a partes iguais cos choros. No patio de butacas, papás, mamás, avós e avoas con móbiles e botando fume para non perder nada, sobre todo á hora da entrega de diplomas de graduación para os 11 nenos e nenas que en setembro comezarán no “cole de maiores”.

O equipo docente da Rolada traballou duro durante as últimas semanas para organizar o festival, no que participaron a practica totalidade dos 21 alumnos e alumnas matriculadas no centro durante o curso 2016/17. Boa parte do tempo foise en preparar as coreografías, pero tamén na decoración da Casa da Cultura, chea de globos a xeito de figuriñas infantís.

O escenario estaba presidido por un grande deseño representativo en certa maneira do propio día, coas fotos das mestras postas nun cesto do que saían voando once globos coas cariñas da cativería do grupo de 2 a 3 anos que á volta do verán se incorporará ao primeiro curso do CPI.

Para eles e elas, a terceira promoción da EIM, houbo honras académicas en forma de banda, birrete e diploma de despedida entregado polo alcalde, Secundino García, e pola axente de Igualdade, Verónica Rodríguez.

De cara ao próximo curso serán un total de 27 nenos e nenas quen acudan a este servizo de titulariedade pública: 2 na unidade de 0 a 1 ano, 12 na de 1 a 2 e, por último, 13 criaturas na unidade de 2 a 3 anos. Deste xeito, a escola dispón aínda de 9 vacantes, que se poden solicitar en calquera momento.

Aldea de verán e piscina
En relación coa conciliación, desde a área de Igualdade tamén se lembra que o próximo luns, día 3, botará a andar a Aldea de verán. Efectivamente, empeza no día de festivo local posto que “a maior parte das nais e pais con rapazada inscrita no programa traballan fóra de San Sadurniño, onde non é festivo”, tal e como puntualizou a técnica do servizo, Verónica Rodríguez.

Por outra banda, desde o departamento de Cultura tamén se informa de que os cursos de natación na piscina municipal comezarán o mércores 5, día no que tamén se distribuirán os grupos, con posibilidade de que este ano se organicen alomenos dous de perfeccionamento.