Friday 22 de November de 2024

O Concello de Oroso entrega os premios da oitava edición do concurso “De tapa en tapa”


Manuel Mirás agradeceu a colaboración dos establecementos hostaleiros e anunciou unha próxima reunión con eles para facer cambios na próxima edición dos “Bocados do outono”

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, presidiu na noite de onte xoves o acto de entrega dos premios da oitava edición do concurso “De tapa en tapa”, o segundo máis concorrido da súa historia e que foi gañado polo Restaurante Mirás coa súa “Espetada de carnes variadas sobre cachelo confitado e salsa grellada”. Mirás Franqueira salientou que “tanto neste concurso coma nos Bocados de outono cada vez participa máis xente e penso que é unha iniciativa de éxito que cada vez vai a máis”.

Porén o alcalde orosán recoñeceu tamén que “temos que darlle unha volta ao concurso porque somos conscientes de que a elaboración dunhas tapas de tanto nivel leva moito tempo e ten tamén un elevado custo”, polo que anunciou que “imos convocar a todos os hostaleiros para consensuar cambios de cara á próxima edición dos Bocados de outono”.

Premios

Manuel Mirás estivo acompañado pola concelleira de Comercio, Vanesa Boo; o concelleiro de Turismo, Antonio Leira, e a concelleira de Ensino, Beatriz Rodeiro, para a entrega dos premios do concurso, no que participaron trece establecementos de Sigüeiro. O alcalde fixo entrega do premio de 300 euros e diploma conmemorativo a Concepción Mirás, unha das propietarias do Restaurante Mirás, que obtivo un total de 96 votos.

A concelleira de Comercio, Vanesa Boo, entregou o premio ao segundo clasificado, Alejandro Neira, da Cafetería Os 6 Ríos, gañador na anterior edición e cuxa “Ledicia do Lengüelle” obtivo 90 votos, polos que recibiu un premio de 200 euros e diploma conmemorativo. O concelleiro de Turismo, Antonio Leira, entregou o terceiro premio a Manuela Viqueira, do Café de Manuela. A campioa da edición de 2015 logrou 83 votos co seu “Timbal de bacallau en salsa verde”, que lle valeron un premio de 100 euros e diploma conmemorativo.

No acto tamén se entregaron os premios sorteados entre as 645 persoas que depositaron o seu voto no concurso:

• Manuela Caeiro Romero (Oroso). Tablet
• Marco Pérez García (Oroso). Estancia balneario Attica 21 (Vilalba).
• Óscar Nieto Fontenla (Santiago). Vale de 100 € no supermercado Familia (Sigüeiro).
• David Verdes Castro (Tordoia). Vale de 50 € no supermercado Familia (Sigüeiro).
• Laura Parente Noya (Oroso). Vale de 100 € no supermercado Vda. de Nouché.
• Ana Mª Sánchez Pallas (Oroso). Vale de 50 € no supermercado Vda.de Nouché.
• Mª Eugenia Albardonedo García (Oroso). Botella Magnum Terras do Cigarrón.
• Zaira Pulleiro Sánchez (Oroso). Botella Magnum Terras do Cigarrón.
• Pury Pérez Abelleira (Oroso). Botella Magnum Terras do Cigarrón.
• Pury Pérez Abelleira (Oroso). Botella de Petroni.
• Jorge Costa Fraga (Oroso). Botella de Petroni.