Estará no Lustres Rivas ata o vindeiro 22 de xullo
O Centro Cultural Lustres Rivas alberga dende a noite de onte unha nova exposición fotográfica: “Oficios entre Lusco e Fusco”, de Xosé Abad, unha mostra que foi posible exhibir no noso municipio despois do convenio de colaboración asinado entre Concello, Abanca e Afundación.
A mostra está formada por 32 imaxes representativas de 16 oficios tradicionais que, aínda que persisten a día de hoxe, están condenados a extinguirse dentro de non moito tempo: traballos como os de fareiro, xastre, tipógrafo, cesteira, carpinteiro de ribeira, atadora, reloxeiro, zoqueiro, canteira, titiriteiro… cada un dos cales están reflectidos a través de dúas instantáneas e un breve texto explicativo.
Para falar da iniciativa compareceron no centro cultural o alcalde Manuel Ruiz, Jesús Soto como xefe de zona de Abanca e María Teresa Cores como coordinadora de cultura de Afundación. O rexedor municipal salientou o acerto da exposición para facernos reflexionar en torno á desaparición destes oficios tradicionais e uns cambios sociais e tecnolóxicos que non sempre nos fan unha vida mellor.
“Oficios entre Lusco e Fusco” estará con nós ata o vindeiro 22 de xullo e poderá contemplarse de luns a venres de 10 a 14 e de 19 a 21 horas e os sábados de 11 a 14 e de 19 a 31 horas. A entrada é gratuíta.
Despois de finalizar as intervencións do acto inaugural realizouse unha visita guiada por algunhas das imaxes que compoñen a mostra.