Recreouse unha obra de Maruja Mallo e Ambar fixo un mural
O Centro de Interpretación Arqueolóxica do Parque Periurbano de San Roque foi obxecto esta mañá da presentación de dúas iniciativas artísticas encadradas na programación do Xuño da Cultura e as Artes.
Dunha parte, deuse a coñecer en público a recreación da pintura “Mensaxe do Mar” de Maruja Mallo (a artista homenaxeada este ano no Día das Artes Galegas) que foi elaborada o pasado luns no obradoiro de artes plásticas realizado na praza Pablo Neruda con Fernando Yáñez como profesor, e que contou coa participación de 21 rapaces. A obra penderá na zona de recepción dos visitantes.
Ademais, na zona exterior, seis usuarios da asociación Ambar estiveron a realizar baixo a dirección do seu técnico en arte, Manuel González, un mural inspirado nas formas características de Matisse adaptada á realidade do noso país: así, o elemento predominante son as follas de carballo pintadas en tons pastel.
Para coñecer ambas creacións pasou por San Roque o alcalde Manuel Ruiz, acompañado do concelleiro de Turismo Antonio Freire. O rexedor municipal destacou a programación do Xuño da Cultura como escaparate para visualizar todo o que son capaces de facer as asociacións e o outros colectivos riveirenses.