Friday 22 de November de 2024

O Río Castro e Santa Isabel marcan unha fin de semana XXL en San Sadurniño


O próximo luns, día 3 de xullo, é o festivo local da Santa Sabela… ou Isabel, que cadaquén elixa. O caso é que na tardiña deste venres comezará unha fin de semana máis longa do normal protagonizada polas propias festas parroquiais de San Sadurniño e pola XXIV edición do Festival do Río Castro que se celebra o sábado en Naraío. Alí andan a mil por hora preparándoo todo cun ollo posto no choio e o outro mirando ao ceo. Que non rabeen, non vai chover. Iso é o que din as previsións do tempo -alomenos para a partir da tarde do sábado- e tamén o que se asegura no vídeo promocional do festival. O vídeo, dispoñible nas redes desde a tarde deste mércores, é unha parodia da película alemá “O afundimento”, empregada centos de veces para facer memes en internet. En tan só unhas horas a peza chegara a máis de 7.000 persoas en Facebook.

O Festival do Río Castro cae sempre no primeiro sábado de xullo, sexa 1 ou sexa 6. De aí que, uns anos con outros, adoite cadrar co San Cristovo de Ferreira e, en maior medida, cun dos días de Santa Isabel. Pero este ano non hai tal coincidencia e, ademais, a aliñación do calendario permitiranos encadear tres días de troula.

A estas alturas xa case non fai falla explicar de que vai o Festival do Río Castro. Nacido como tal en 1994, este ano fai a 24ª edición mantendo intacta a súa filosofía de evento campestre e familiar arredor da música galega e da cultura tradicional.

Aínda que no campo da Bóla -situado preto da ponte románica da Ferraría- xa haberá movemento desde primeiras horas da mañá, o programa propiamente dito iniciarase sobre as 15.30h. co mostrario participativo de xogos de toda a vida da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, que leva varios anos colaborando con O Castelo de Narahío nesta primeira parte do festival e tamén na animación dos campionatos de chave, tronzador e tiro á corda que arrancarán sobre as 19.00h.

Entre unha e outra actividade actuará o grupo Isla Letriska, cun espectáculo de circo, música e moito humor do que disfrutarán especialmente os nenos e nenas máis pequenas. Un dos sinais de identidade do Río Castro é precisamente o xeito en que se adapta a cada público: é un festival que a parroquia ten asumido xa como unha romaxe tradicional, pola tarde a programación diríxese a familias con criaturas e, a partir da noite, xa se entra pouco a pouco nunha oferta pensada principalmente para a mocidade por debaixo dos 100 anos.

Este ano o festival ábreno o grupo Quenindiole, formado por nenos e nenas da comarca que, a día de hoxe, non pasan en ningún caso dos 13 anos. Gaitas, acordeóns, percusión, pandeiretas nas mans de rapazada que é coma da casa, xa que os seus pais e nais -todos músicos e/ou bailadores- levan vindo ao festival desde moito antes de traelos ao mundo.

Tamén como da casa son Encrucillada. Intégrano músicos e músicas da comarca -San Sadurniño, As Somozas, Fene…- que elixiron un repertorio tradicional festeiro e moi bailable. Encrucillada naceu o ano pasado e malia iso levan andado xa unha chea de festivais, repichocas, alboradas e encontros de cantos de taberna, tan en boga ultimamente. Xuntan percusión, voz, gaitas, acordeón e pandeireta.

Por último, os grupos elixidos para pechar o festival son Os d’Abaixo e Sacha na horta. Os primeiros levan sete anos animando festas con repertorio tradicional e propio ben bailable, mentres que as segundas naceron hai unha década a rebufo daquel A polo Ghit organizado pola Radio Galega e o desaparecido xornal electrónico Vieiros. Xuntan moitos estilos e unha chea de ritmos mesturados cun indiscutible selo do País.

O XXIV Festival do Río Castro sae adiante co traballo da asociación veciñal O Castelo de Narahío, así como de veciñas e veciños que colaboran coa entidade para este evento en concreto. Tamén colabora o Concello de San Sadurniño a través da liña anual de subvencións para cultura e ofrecendo apoio loxístico. O festival conta, ademais, con finanzamento da Cooperativa de Meirás de consumidores e usuarios e a asociación veciñal tamén lle ten solicitada á Deputación da Coruña unha subvención con cargo ao programa convocado polo ente para apoiar os eventos musicais na provincia.

Festas de Santa Isabel
E o domingo 2 e luns 3 de xullo -lembremos, festivo local- a festa trasládase a San Sadurniño para gozar da programación de Santa Isabel/Sabela. Non falamos a mantenta de “festas patronais”, xa que Santa Isabel non é a pàtroa de San Sadurniño, senón que esa honra lle pertence á Nosa Señora do Rosario. Con todo, en San Sadurniño non hai celebración festeira do Rosario e si da Santa Isabel desde tempos inmemoriais.

O máis plausible e probable é que, en orixe, non se celebrase Santa Isabel, senón a tradición bíblica da visita que esta lle fixo á súa curmá María cando ambas estaban embarazadas, a primeira de Xoán o Bautista e a segunda de Xesús. Desde o século XIII a “Visitación” tiña no 2 de xullo o seu día oficial dentro do calendario litúrxico.

Pero en 1969 o papa Paulo VI decretou a modificación do calendarium romanum generale e a festividade pasou oficialmente para o 31 de maio. Algo que non lle impediu a San Sadurniño, igual que a outras moitas localidades, seguir mantendo o día da celebración no 2 de xullo. A confusión entre santas e celebracións mantense hoxe -especialmente entre as xeracións máis novas- alimentada quizais pola proximidade do día de Santa Isabel de Portugal -4 de xullo- que nada ten que ver coa festividade local nin tampouco coa “Visitación”.

Pero deixémonos de curiosidades e vaiamos á festa en si. Este ano San Sadurniño volve ao formato tradicional tras dúas edicións innovadoras en canto a grupos e programa. Así, o domingo ás 13.00h. haberá misa na igrexa parroquial seguida dunha sesión vermú na polideportiva do CPI animada pola orquestra Samba. Pola noite esta formación volverá subir ao escenario compartindo aplausos coa orquestra Bomba.

O luns festivo volverá haber misa da igrexa parroquial á mesma hora e, posteriormente, sesión vermú con La Favorita. Pola noite esta orquestra botará un pulso musical con Fania Blanco Show.

Ao carón da festa xa hai montadas varias atraccións, que se completarán o sábado e domingo coa tirolina montada nos xardíns municipais con motivo do Venres en Sansa!.

E iso é todo, que non é pouco. Agora a disfrutar dunha fin de semana XXL.

Vaivos ligazón ao vídeo promocional do Festival do Río Castro… que non ten desperdicio: