Friday 22 de November de 2024

Reivindicación unánime para que Santiago conte cun xulgado especializado en cláusulas solo


O alcalde recibiu hoxe o novo decano do Colexio de Avogados de Santiago, Francisco Rabuñal, que estivo acompañado polo seu antecesor no cargo, Evaristo Nogueira. Na xuntanza tamén participaron os voceiros de PP, Agustín Hernández, PSOE, Paco Reyes, e BNG, Rubén Cela.

O decano do Colexio de Avogados trasladoulle a Martiño Noriega e aos voceiros da oposición a reivindicación de que Santiago conte cun xulgado especializado para os asuntos das cláusulas solo, posto que no plan aprobado polo Consejo General del Poder Judicial só se contempla a creación dunha sala deste tipo na Coruña. Francisco Rabuñal reiterou que “esta decisión é prexudicial para a cidadanía, e así o considera toda a xudicatura galega de xeito unánime”. O decano agradeceu tamén o apoio expreso a esta demanda, tanto do alcalde como dos voceiros de todos os grupos da oposición.

Martiño Noriega lembrou que o pleno da corporación ten aprobada xa unha declaración institucional reclamando a creación en Santiago dun xulgado especializado nas cláusulas solo. O alcalde reiterou que “o reparto actual non lles facilita a vida aos afectados, senón que pode disuadir de recorrer á vía xudicial para facer as reclamacións”.

Outras demandas
O decano do Colexio de Avogados de Santiago explicou que “a do xulgado especializado en cláusulas solo súmase a outras demandas históricas, como a creación dun cuarto xulgado do social”. Francisco Rabuñal lembrou que as tres salas existentes acumulan importantes atrasos “de ata tres anos para resolver cuestións laborais”. Tamén apostou porque Santiago sexa dotado dun novo xulgado de familia “para evitar tamén importantes demoras en cuestións como os réximes de visita dos nenos, que poden tardar ata ano e medio en resolverse”.

Por outra parte, o alcalde aproveitou a reunión de hoxe para felicitar polo seu nomeamento o novo decano do Colexio de Avogados, e tamén para “recoñecer o traballo e o compromiso do seu antecesor no cargo, Evaristo Nogueira, que está a recibir importantes e merecidas distincións como a Cruz da Orde de San Raimundo de Peñafort, concedida polo Ministerio de Xustiza”.