Baixo o lema ‘O que se enchufa, recíclase’, a Consellería de Medio Ambiente, en colaboración coas entidades de responsabilidade ampliada dos produtores, pon en marcha unha iniciativa para mellorar a xestión destes restos a través dos puntos de venda
A Xunta de Galicia lanza unha campaña de sensibilización co fin de incrementar as cotas de reciclaxe dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos. Así, baixo o lema O que se enchufa, recíclase, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en colaboración coas entidades de responsabilidade ampliada dos produtores, pon en marcha unha iniciativa coa que se pretende mellorar a xestión deste material de refugallo a través dos puntos de venda.
Deste xeito, segundo explicou a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, repartiranse un total de 1.000 contedores entre os diferentes establecementos, tanto en tendas de barrio como en grandes superficies, nos que os veciños poderán depositar os aparellos inservibles. “Esta campaña -engadiu Mato Otero- conta cun orzamento próximo aos 700.000 euros e prevé o desenvolvemento dun total de 700 accións informativas de carácter itinerante, que chegarán a 138 localidades galegas con máis de 4.000 habitantes”.
Neste senso, segundo indicou a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio os obxectivos que se perseguen con esta iniciativa son “combater os efectos negativos do vertido incontrolado dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, especialmente os máis pequenos; eliminar as prácticas ilegais asociadas á súa xestión e informar á cidadanía sobre a importancia do correcto tratamento do refugallo mediante unha tripla acción: reparar, reutilizar e reciclar”.
Polo tanto, a iniciativa “encadra” por partida dobre no Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia 2010-2022, que establece as bases para impulsar o tratamento de residuos domésticos cara a un escenario máis sostible; e a futura Estratexia galega de Economía Circular mediante a cal preténdese abandonar o caduco sistema lineal de fabricar-usar-tirar por un sistema que permita o máximo aproveitamento dos produtos.
Cómpre lembrar que esta campaña enmarcase nun convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Medio Ambiente e os sistemas colectivos de responsabilidade ampliada en 2015, que continúa en vigor e no que se recollen medidas para informar sobre os dereitos e deberes que se establecen tanto para consumidores como distribuidores. Por iso, a maiores do reparto de contedores, porase en marcha unha páxina web específica da campaña e difundirase información a través das redes sociais.
Máis de 14.000 toneladas recollidas en 2016
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio indicou que en 2016 recolléronse en Galicia máis de 14.000 toneladas de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, o que significa que cada galego xerou unha media de 5 quilogramos destes refugallos de moi diversa tipoloxía: desde un simple móbil ata elementos de maior envergadura como frigoríficos ou conxeladores.
A cantidade de residuos retirados en 2016 supón un importante incremento con respecto ao exercicio anterior, cando se recolleron 10.600 toneladas, isto é, un 75 por cento menos. En concreto, os restos retirados polo sector da distribución experimentou unha subida entre os anos 2015 e 2016, pois pasouse das 3.800 toneladas ás 8.800. De aí, dixo Beatriz Mato, “a importancia que ten incidir na recollida a través do sector da distribución, por iso, me gustaría agradecer a colaboración de organizacións como a Asociación Nacional de Empresas Distribuidoras de Electrodomésticos (ADEN), Asociación de Comerciantes de Electrodomésticos Mayoristas e Autónomos (ACEMA), Asociación Nacional de Grandes Empresas de Distribución (ANGED); imprescindibles para que esta campaña que hoxe lanzamos sexa un éxito”.
Galicia cumpre o obxectivo de recollida
Deste xeito, en termos de recollida, “Galicia -afirmou a titular do departamento autonómico- cumpre co obxectivo mínimo que establece a normativa, xa que este índice situábase no 2016 en 5,46 quilogramos/habitante/ano e acadamos o 5,26, polo que cumprimos co obxectivo nun 96 por cento”. Pola contra, en relación á retirada de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos de orixe doméstica, se superaron con creces os retos marcados, pois aumentamos mil toneladas a cantidade mínima (de 12.500 a 13.600).
Así e todo, dixo Mato Otero “non nos conformamos con cumprir obxectivos a curto prazo. Temos as luces longas e nos próximos anos estes retos serán cada vez máis esixentes, polo que queremos adiantarnos”.