Durante os vindeiros 20 días contados a partir da publicación de hoxe no Diario Oficial de Galicia, os colectivos e cidadáns interesados poderán presentar as súas achegas
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio abre o prazo para a participación cidadá no procedemento de declaración provisional do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) denominado Illas de San Pedro, na Coruña. Deste xeito, os colectivos, cidadáns, confrarías ou calquera persoa física ou xurídica interesada, poderán achegar as consideracións e comentarios que consideren de interese para que sexan tidos en conta neste procedemento durante un período de 20 días, que empezan a contar desde a xornada posterior á súa publicación nas páxinas do Diario Oficial de Galicia (DOG) (http://bit.ly/2s0Fjqv).
Cómpre lembrar que a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, define como espazos naturais protexidos aqueles que conteñan elementos ou sistemas naturais de particular valor, interese ou singularidade, tanto debidos á acción e evolución da natureza como derivados da actividade humana, e que fosen declarados como tales.
Deste xeito, o ámbito sobre o que se pretende a declaración localízase ao pé do monte de San Pedro, no Concello da Coruña, e abrangue ao conxunto de illas situadas fronte ao lugar do Portiño. Posúe, por tanto, destacados valores ecolóxicos, paisaxísticos e etnográficos que xustifican a proposta para a súa declaración, que agora se somete á participación dos veciños.
Así, sobresaen os illotes de natureza granítica, cuxos baixos poden emerxer na baixamar, e forman parte da rasa costeira duns 8 km de ancho que percorre a provincia de nordeste a suroeste. Tamén abondan algunhas especies ruderais e sobre a avifauna destacan as cantidades de falcón peregrino, o furabochos atlántico e o arao dos cons, sen esquecer facer unha mención especial ao corvo mariño cristado e á gabita.
En canto aos seus valores etnográficos, encontramos os restos dunha antiga cetaria abandonada, un pequeno embarcadoiro o os restos dun muro na illa Vendaval. Por último, o contorno mariño que rodea ás illas tamén é de gran interese pesqueiro e marisqueiro e diversos colectivos desenvolven plans de explotacións de percebe, ourizo, anémona, algas, poliquetos e mexilla, entre outros.
Procedemento
É importante recordar que, segundo establece a normativa vixente, o procedemento para a declaración dun ENIL comeza a partir da petición dun concello e, tras solicitar os informes preceptivos pertinentes, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio poderá declarar como ENIL aqueles espazos integrados no seu termo municipal que polas súas singularidades sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais. Polo tanto, a declaración é competencia do departamento autonómico, mentres que a responsabilidade da súa xestión será municipal.
Neste senso, sobre os seus usos e aproveitamentos, a disposición adicional segunda do Decreto 124/2005, do 6 de maio, que regula a figura de espazo natural de interese local, establece, con carácter xeral, que permítense todos os usos e actuacións que tradicionalmente se viñeran efectuando nese espazo e que deran lugar ao estado actual que motivou a súa declaración como espazo natural.