A Consellería do Medio Rural incrementou este ano nun 14 por cento o capítulo de subvencións, tanto para control selectivo como para construír puntos de auga
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou a comunidade de montes veciñais en man común de Torea, en Muros, para analizar as tarefas preventivas realizadas nesta área para evitar os lumes forestais, ao abeiro da orde de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e Sociedades de Fomento Forestal (Sofor), cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020. O investimento beneficiou, así mesmo, á comunidade de montes de Figueroa.
En concreto, interveuse en 2,15 hectáreas de áreas cortalumes, e noutras 3,85 hectáreas de faixas auxiliares. Nestes traballos empregáronse unha rozadora de cadea e outra de brazo. A Consellería do Medio Rural inviste nesta actuación algo máis de 3.000 euros. Esta orde de axudas engloba dúas liñas de subvención.
Por unha parte, financia o control selectivo do combustible en áreas cortalumes, faixas auxiliares de pista, rexenerado forestal natural e a roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais. O orzamento destinado a esta liña é de 3,5 millóns de euros.
A segunda liña de subvención financia a construción de puntos de auga, localizados en zonas estratéxicas para a defensa dos núcleos de poboación e das masas forestais. O orzamento ascende a 500.000 euros. En total, catro millóns de euros para estas axudas, cun un incremento do 14% con respecto á convocatoria anterior.
Investimentos no Barbanza
Nesta mesma zona, a Consellería do Medio Rural iniciou xa outras actuacións, tales como tratamentos silvícolas en Mazaricos, construción dunha pista nese mesmo concello e rozas e podas en Carnota e Serres Muros. Está pendente de iniciarse a roza poda no Ancoradoiro Muros. Na comarca do Barbanza, aprobáronse axudas para 17 expedientes por un importe total de algo máis de 196.000 euros. Os concellos beneficiados foron Lousame e Boiro, con catro achegas cada un; Rianxo con tres; Muros con dous, e Porto do Son, Mazaricos e Carnota, con un expediente cada un.
Durante a visita, Rodeiro asegurou que “é importante traballar na limpeza dos montes e telos preparados de cara á etapa estival”. O delegado territorial comprobou os labores, que se completarán cos traballos das brigadas, e que inclúen rozas, recollida e eliminación de restos así como podas e clareos. Incidiu na labor que están a desenvolver todas as administracións encargadas de vixiar os montes durante esta campaña de verán.
Tamén apelou a labor cidadá solicitando a colaboración na detección precoz dos lumes e o aviso ás autoridades a través do 085, e incidiu na necesidade dunha maior concienciación na sociedade dos perigos do lume. “Entre todos temos que ser quen de loitar e traballar conxuntamente para vencer as dificultades na loita contra os incendios”, recalcou.