Friday 22 de November de 2024

O Concello de Brión convoca 2 talleres sobre os primeiros anos do neno e a formación dos adultos segundo o Método Montessori


Terán lugar os sábados 15 e 22 de xullo e a inscrición custa 10 euros por obradoiro

O Concello de Brión convoca dous obradoiros formativos para adultos de acordo co Método Montessori, un método educativo baseado na observación da natureza dos dos nenos e nenas. Dous obradoiros que terán lugar os sábados 15 e 22 de xullo, cunha duración de 4 horas (de 10:00 a 14:00 horas) e un prezo de 10 euros por taller. As inscricións poden realizarse na Casa da Cultura de Brión ou chamando ao 981 50 99 08.

O obradoiro do 15 de xullo plantexará a importancia dos seis primeiros anos de vida do neno e a filosofía do método Montessori, desenvolvido pola científica italiana María Montessori a finais do século XIX. Un método baseado na confianza no menor e en que no seu interior posúe o potencial suficiente para irse construíndo a si mesmo como persoa. Para iso, no obradoiro analizarán como funciona a mente dos pequenos, cales son os períodos máis axeitados para traballar cos cativos ou que espazos e materiais utilizar para a súa educación.

O segundo obradoiro, que terá lugar o 22 de xullo, analizará o outro punto de vista: a preparación do adulto, encargado de guiar ao neno/a no seu proceso de crecemento. Durante as catro horas do taller, o alumnado aprenderá a adquirir ferramentas respectuosas coas que dirixirse ao neno sen premios nin castigos, nos que o adulto pasa de ser un controlador do neno a conectar co cativo.