O alcalde, Martiño Noriega, presidiu a recepción aos profesores e profesoras dos centros de Educación Infantil e Primaria que se xubilan ou xubilaron ao longo deste ano. No acto tamén participou o concelleiro de Educación, Manuel Dios, así como representantes de todos os grupos da corporación.
O alcalde explicou que este acto ten o obxectivo de “recoñecer o traballo dos profesores e profesoras que son os formadores das xeracións que constrúen o futuro da cidade”. Martiño Noriega tamén aproveitou o acto para reivindicar a importancia do ensino público, “corrector das desigualdades sociais”. Na mesma liña expresouse o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, que reiterou que “o Goberno tiña o empeño de recoñecer a labor docente e prestixiar a profesión dos homes e mulleres que dedican as súas vidas ao ensino”. O edil tamén adiantou o proxecto no que está traballando o seu departamento para editar unha publicación que recolla “as historias de vida, as experiencias e as reflexións do profesorado que se vai xubilando cada ano”.
Vocación e reivindicacións
No acto de hoxe foron homenaxeados once profesores e profesoras. No seu nome interviu o exdirector do CEIP Ramón Cabanillas, Xosé Manuel Barreira, que agradeceu que “o Concello poña en valor unha profesión que é sobre todo vocacional”. Tamén salientou a capacidade de adaptación do profesorado que se está a xubilar “porque tivo que afrontar importantes cambios no ensino, derivados sobre todo da implantación das novas tecnoloxías, e fíxoo con éxito”. Tamén aproveitou para lamentar “que os políticos non sexan quen de asinar o anunciado Pacto pola Educación”.
Ademais do exdirector do CEIP Ramón Cabanillas, Xosé Manuel Barreira, no acto de hoxe recibiron as súas distincións os docentes José Antonio Pérez (CEIP Apóstolo Santiago), Teresa Cuns (CEIP Lamas de Abade), María Isabel Vázquez (CEIP Monte dos Postes), Teresa Vilaboa e Teresa Fernández (CEIP Pío XII), Ercilia Luísa Diéguez e Francisco Javier Albarrán (CEIP Fontiñas), Manuela Salgueiros, María Elena Salvado e Lucía Noya (CEIP Nosa Señora dos Remedios).
O acto celebrado no Salón Nobre do Pazo de Raxoi contou coa participación da Orquestra Praeludium, que interpretou tres pezas musicais.