Friday 22 de November de 2024

Xunta e Ecoembes amplían a campaña para o fomento da reciclaxe de envases no camiño ao itinerario do Norte


Tras unha primeira fase posta en marcha no percorrido francés durante o ano pasado, Medio Ambiente e Turismo de Galicia unen novamente esforzos para expandir o ‘Camiño da Reciclaxe’, unha iniciativa pensada para difundir entre os peregrinos o respecto pola natureza

A Xunta de Galicia e Ecoembes amplían a campaña de reciclaxe de envases, Camiño da Reciclaxe, mediante a incorporación de novos albergues situados no itinerario do Norte. Tras unha primeira fase posta en marcha en 2016, á que se incorporaron arredor de 130 hospedaxes do Camiño francés, a Consellería de Medio Ambiente e Turismo de Galicia unen de novo esforzos para expandir esta campaña e seguir difundido o respecto pola natureza e fomentando a calidade ambiental ao longo do percorrido.

A directora de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, ratificaron o acordo enmarcado no Plan Estratéxico do Camiño de Santiago, o cal recolle o compromiso de desenvolver neste eido accións para a xestión ambiental integral.

Nesta liña, e co obxectivo de avanzar na senda marcada o ano pasado cos albergues do Camiño francés, neste verán engádense ao Camiño da Reciclaxe 18 novas hospedaxes, polo que suman xa 146 os albergues galegos que contribuirán a que “o Camiño de Santiago sexa o emblema en Europa da reciclaxe”, afirmou Cruz Ferreira. A representante do departamento de Medio Ambiente sinalou que, “ademais dun traxecto espiritual, esta ruta é unha experiencia que pode vivirse de moitas maneiras distintas, ofrecendo unha oportunidade única para deleitarse co patrimonio natural de Galicia”.

“Para gozar plenamente desta experiencia -engadiu a directora xeral-, é imprescindible que os usuarios sexan conscientes da importancia da súa implicación no coidado desta contorna”. De modo que, segundo indicou Ferreira, “o Camiño de Santiago é a exaltación da natureza e dos peregrinos é, polo seu contacto directo con ela, ser un dos colectivos máis sensibilizados coa protección do medio ambiente”.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, subliñou pola súa banda o enorme potencial do Camiño de Santiago para sensibilizar neste eido, dada a súa vitalidade e constante crecemento. A este respecto recordou que, a piques de rematar a primeira metade do ano, a cifra de peregrinos que percorreron a ruta xacobea supera nun 12% ao do mesmo período do ano pasado. “A forza do Camiño serviu sempre de panca de cambio gracias ao seus valores de solidariedade, hospitalidade ou superación. Tamén agora, ante os desafíos globais, pode volver a selo”, destacou. Por iso animou aos camiñantes e aos responsables dos aloxamentos a “volver a servir de exemplo, demostrando que é posible reducir o impacto nos bosques ou ríos con xestos sinxelos gracias ao efecto multiplicador da peregrinaxe”.

Nava Castro mostrouse convencida de que a iniciativa Camiño da Reciclaxe contribuirá a facer realidade a etapa modelo que o Plan Estratéxico do Camiño de Santiago planifica coa vista posta no Xacobeo 2021. Nela se prevé unha xestión integral de residuos, con contenedores ou papeleiras de recollida selectiva elaborados con materiais harmoniosos coa contorna natural e situados cada 15 quilómetros, así como cun servizo de recollida eficiente. Tamén se inclúe a plantación e catalogación de árbores autóctonas, ademais de fontes de auga potable cada 20 quilómetros e áreas habilitadas para bebedoiros de animais.

No mesmo senso, a directora de Comunicación Corporativa e Márketing de Ecoembes, Nieves Rey, puxo en valor a importancia estratéxica de Galicia á hora de desenvolver a campaña, manifestando que “a través da reciclaxe, é a nosa responsabilidade velar polo mantemento da paraxe natural polo que transcorre o Camiño de Santiago. Unha contorna sen comparación, que fala da riqueza da nosa cultura e as nosas xentes”.

Unha media de catro contedores por albergue
Con este obxectivo, e no marco da campaña entre Ecoembes, a Consellería de Medio Ambiente e Turismo de Galicia, os novos albergues adheridos ao programa recibirán unha media de catro contedores, entre amarelos e azuis, e aos que xa viñan colaborando dende o ano pasado enviaráselles o material de reposición necesario. Tamén se lles entregarán carteis informativos en galego, castelán e inglés, nos que se detalla o uso correcto dos contedores; e unha guía de reciclaxe. Cómpre engadir que, como xa se fixo ao longo da primeira fase, os albergues colaboradores estarán identificados mediante un distintivo que poderán colocar na entrada do establecemento.

Por outra banda, serán os propios pousadeiros quen repartan os 29.000 kits do peregrino, que que conteñen folletos e mapas informativos sobre como separar correctamente os residuos e mesmo un código de identificación (BIDI) a través do que poden coñecer todas as hospedaxes adheridas a esta campaña. O kit complétase cunha bolsa de encartar con mosquetón, para facilitar o seu transporte e garantir a recollida dos residuos xerados durante o percorrido; e unha pulseira de Ecoperegrino como mostra do seu compromiso pola protección do medio ambiente e o fomento da reciclaxe.

Duración da campaña
Cómpre salientar que esta campaña lévase a cabo en tres Comunidades autónomas, isto é, Galicia, Castela León e Asturias, aínda que é na galega na que hai máis albergues adheridos. En concreto, 146 fronte aos 122 de Castela León e os 44 de Asturias.

Segundo as previsión do Goberno galego, esta actividade desenvolverase durante a tempada alta -de xuño a setembro-, aínda que o material permanecerá nos albergues durante todo o ano, xa que se trata dunha iniciativa que continuará en 2018, apuntou a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático.

Igualmente, recordou que co fin de facilitar o acceso dos peregrino á información relacionada cos establecementos colaboradores e mesmo as prazas dispoñibles, Ecoembes ten a disposición un enderezo web de consulta www.ecoembes.com/camino.

Boa acollida
Ao igual que na pasada edición da campaña, esta iniciativa tivo unha boa acollida entre os hospitaleiros do Camiño do Norte, xa que a totalidade dos establecemento rexistrados acolléronse a este programa. Neste senso, a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático considera aos pousadeiros como os grandes aliados para difundir boas prácticas e xestos sinxelos que contribúen á xestión integral dos residuos e a prolongar a vida útil dos produtos. Así, Cruz Ferreira recordou que, durante a pasada campaña desenvolvida no Camiño francés, a resposta dos albergues foi unánime. Chegáronse a repartir, segundo indicou a responsable do departamento autonómico, 480 contedores, 136 carteis informativos, 136 cortaventos a modo de agradecemento ao pousadeiro e 28.000 kits de peregrinos.