Friday 22 de November de 2024

Nuno Costa recibe o recoñecemento ao mellor deportista do ano do Concello de Oroso


A IV Gala do Deporte distinguiu ao futbolista José Balsa e o xadrecista Martín Pena como mellores promesas

O campo municipal de fútbol de Sigüeiro foi unha gran festa do deporte que reuniu a máis dun milleiro de persoas, dos que case 700 eran nenos e nenas. A cuarta edición da Gala do Deporte de Oroso serviu para agasallar a todos os clubs e escolas deportivas do municipio polos seus extraordinarios logros conseguidos ao longo de toda a temporada, pero tamén para entregar os premios aos mellores deportistas do 2016.

Un acto presidido polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e polo concelleiro de Deportes, Luís Rey, que lle entregaron o recoñecemento ao mellor deportista do ano ao atleta Nuno Filipe Ribeiro Pinto da Costa, máis coñecido como Nuno Costa. Nuno, nacido en 1986 en Amarante (Portugal), leva vivindo en Sigüeiro dende 2013 e este ano quedou campión en case todas as probas nas que participou: a Pedestre de Santiago de Compostela, a San Martiño de Ourense, a media maratón Vig Bay de Vigo ou a Carreira Pedestre de Oroso.

Promesa

O Concello de Oroso entregou tamén dous recoñecementos ao mellor deportista promesa. Un deles foi para José Balsa, futbolista da ED Xuventude Oroso e da selección galega Alevín, que asiduamente participa en adestramentos e torneos co RC Celta de Vigo. Cos seus compañeiros do Xuventude Oroso logrou grandes triunfos colectivos e individuais, como ser o mellor xogador da fase premia da Arousa F7 ou ser o mellor xogador do Torneo Internacional de Carballo, por diante de xogadores do Real Madrid, o Porto, o Deportivo da Coruña ou o Celta, entre outros.

O segundo premio á promesa foi para xadrecista Martín Pena Varela, subcampión galego 2017 e campión provincial 2017. Entre outros torneos, foi campión do Galicia Central, Os Rosales, Ortigueira, Carral, Xixón… Cando se fundou o Club Xadrez Oroso deixou o seu equipo na Universidade de Santiago para vir axudar ao club do seu pobo, onde é o primeiro taboleiro do equipo na Segunda División A, polo que ten que enfrontarse aos mellores xogadores adultos. A pesar de ter só 15 anos, só perdeu 1 das 11 partidas xogadas durante a Liga 2016-2017.

Traxectoria

Un dos momentos máis emotivos da gala chegou coa entrega dos recoñecementos a toda unha vida dedicada ao deporte. A primeira distinción foi recollida por José Ferro Calvo, veciño de Vilanova (Oroso) e dende hai 5 anos presidente da ED Xuventude Oroso, equipo que cada tempada bate records tanto de participación como de premios, o último recollido este mesmo xoves: a Mellor Canteira da comarca de Compostela, segundo a Federación Galega de Fútbol. Con 16 anos incorporouse aos Xuvenís do Sigüeiro, onde estivo xogando ata a ser veterano. Dende 1984 colabora do Sigüeiro FC, primeiro como directivo, despois como socio patrocinador ata que se implicou de cheo no nacemento das escolas deportivas Xuventude Oroso, das que actualmente é presidente.

O segundo recoñecemento foi para Emilio Vilaseco Álvarez, veciño de 60 anos da parroquia da Barciela que é o deportista de Oroso que máis anos leva facendo deporte competitivo no deporte federado. Comezou a xogar no xuvenil do Sigüeiro FC, seguindo co Xavestre e do Deixebre, actividade que compaxinou co fútbol sala. Actualmente, segue xogando ao fútbol sala na categoría de veteranos, sendo o xogador de máis idade da súa liga.

Clubs e empresas

O Concello de Oroso tamén entregou dous recoñecementos especiais ao Club de Béisbol Leones BBC, pola promoción e fomento de deportes minoritarios; e ao Club ED Xuventude Oroso, polo seu extraordinario ano e a súa colaboración con eventos deportivos municipais como a primeira edición da Troi Cup.

Finalmente, o Concello de Oroso tamén entregou os recoñecementos ás empresas que máis teñen apoiado o deporte e os eventos deportivos no municipio no último ano. Uns premios que recaeron en Deportes Equipat, Caza e Pesca Nogareda e Ríos Sangiao, que foron recollidos polos xerentes das tres empresas: Mari Carmen López Penas, Óscar Nogareda e Ramón Sangiao, respectivamente.

A xornada comezou cunha actuación de danza contemporánea a cargo do ximnasio Termópilas de Sigüeiro, que veñen de conseguir un subcampionato nun torneo disputado en Xixón. Tras a entrega dos premios, todo o grupo de goberno subiu ao escenario para entregar case setecentas medallas, unha para cada un dos integrantes do Club Leones Béisbol, Club Oroso Fútbol Sala, Club Taekwondo ITF Oroso, Club Hípico Amazonas e Cabaleiros de Oroso, Club Ciclista e Running Tambre Bike, Club Oroso Motor Sport, Club Patín Oroso, Club Oroso Tenis de Mesa, Escola Deportiva Xuventude Oroso, Club Xadrez Oroso, Tambre Pitch and Putt, Ximnasia Oroso, SD Deixebre, Club Tenis de Mesa Espedregada, Sigüeiro FC, escola de tenis e escolas municipais de Baloncesto Zumba, Ximnasia e Pilates.