Grazas a esta iniciativa, que contou cunha subvención con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Desenrolo Rural, os rapaces poden bañarse con seguridade
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou a piscina municipal de Frades, na parroquia de Santa María de Papucín, que vén de reabrir as súas portas logo dun investimento conxunto co Concello de preto de 40.000 euros, que serviron, principalmente para construír unha instalación específica para os máis pequenos, que ata o de agora só podían bañarse nunha piscina portátil provisional. O delegado visitou a instalación acompañado do alcalde, Roberto Rey.
As obras consistiron na construción dunha piscina cunha profundidade máxima de 0,6 metros, pegada á de 25 metros que xa vén funcionando desde hai algúns anos. Tamén se aproveitou para renovar o peche do perímetro da instalación a mellora do sistema de clorado e potabilización, ademais doutras intervencións adicionais, como o acondicionamento da contorna. Recibiron unha subvención do 80 por cento con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Desenrolo Rural (Feader), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia. Este programa, ao igual que a Xunta de Galicia, ten entre as súas prioridades “a mellora da calidade de vida nas zonas rurais”, segundo explicou Ovidio Rodeiro. Por iso –sinalou o delegado- “o Goberno galego decidiu apoiar economicamente aquelas actuacións cuxo obxectivo sexa mellorar as infraestruturas e equipamentos de uso público e, por tanto, dos servizos municipais que os concellos prestan aos seus veciños e veciñas”.
As actuacións subvencionadas baixo esta orde foron proxectos de construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de espazos públicos -prazas, paseos, rúas, parques públicos e parques infantís-; edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos administrativos; e instalacións deportivas de uso público; así como as súas respectivas dotacións de equipamentos. Tamén eran subvencionables as instalacións, ampliacións e melloras das redes de iluminación pública e a pavimentación de vías municipais que non estean incluídas no programa de mellora de camiños do concello beneficiario.