O Concello de Riveira informa de que no obxectivo do Goberno Local de seguir propiciando a accesibilidade en espazos e edificios públicos do municipio, a Brigada Municipal de Obras está inmerso estes días na realización dunha serie de obras que teñen por obxecto permitir ás persoas con mobilidade reducida máis facilidades de desprazamento.
Unha delas, que foi rematada fai uns días, foi a construción dunha rampa de pedra que permite aos usuarios da Residencia de Maiores situada no Malecón desprazarse ata a rúa de Portugal. Así mesmo, nestes momentos os operarios da brigada están inmersos na creación dunha segunda rampa destas características para conectar o parque de Pedra Pateira coa veciña rúa Manzanares en Bandourrío, que está situada nunha cota máis elevada.
Aulas de Cristóbal Colón
Ademais, nas últimas semanas estiveron a traballar en dotar de accesibilidade a unha instalación pública moi frecuentada polas persoas maiores como son as aulas formativas que o Departamento de Servizos Sociais ten na rúa Cristóbal Colón. Coa mesma fin están a colocar rampas de accesibilidade nas praias.