En menos de seis meses a aplicación supón unha ferramenta fundamental para a veciñanza. Google Play sitúaa como a de maior interese, tan só por baixo da do Concello da Coruña
En menos de seis meses da súa posta en marcha a nova App para teléfonos móbiles do Concello de Ordes rexistra uns excelentes resultados. En total hai que falar de máis de 1000 descargas tanto no sistema Android como no IOS. Este dato, unido ao posicionamento no buscador de Google Play tendo unicamente por diante o Concello da Coruña, pon de manifesto o grande interese que esta aplicación acadou entre a poboación.
A App caracterízase pola súa funcionalidade, facilidade de manexo e por un atractivo deseño. Entre as múltiples vantaxes que ofrece figura un servizo para comunicar incidencias ou calquera aspecto que se considere necesario, e que se pode complementar mediante fotografías e xeolocalización. Os usuarios e usuarias tamén poden enviar consultas e recibir avisos mediante notificacións push, acceder ás novas de maneira diaria, obter información do municipio e das parroquias, así como escoitar en directo Radio Ordes. A isto hai que engadir un amplos directorios telefónicos e de enderezos, ademais das localizacións de servizos, corpos de seguridade, sanitarios, datos meteorolóxicos etc.
Farmacias, autobuses…
Non faltan tampouco os horarios de autobuses, necrolóxicas, farmacias ou os servizos de garda. A través da axenda pódense consultar os actos e citas importantes coa posibilidade de integralos moi sinxelamente nas axendas. Tamén ten habilitada unha sección turística con información sobre hostalaría e restauración; hostais, hoteis e residencias; rutas e camiños, aspectos culturais como DesOrdes Creativas; ou mesmamente o Camiño Inglés.
Este servizo foi financiado integramente pola Deputación da Coruña.