O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia fixo hoxe un chamado ao sentido común e á responsabilidade da veciñanza “para evitar incidentes na noite de San Xoán, nun momento no que estamos en alto risco de incendios”. Xan Duro compareceu en rolda de prensa para lembrar as normas de seguridade que rexerán nestas celebracións.
A día de hoxe están autorizadas 60 cacharelas públicas, e 282 privadas. Xan Duro explicou que as cifras aínda poden variar, sobre todo no relacionado coas cacharelas privadas, “porque aínda que o prazo para solicitar o permiso xa rematou é habitual que moitos veciños e veciñas se despisten e agarden ao último día”.
Cortes de tráfico
O edil deu conta dos cortes de tráfico previstos por mor das cacharelas. Así, a tradicional fogueira de Pelamios obrigará a pechar a circulación a partir das 17.00 horas nos cruces Burgo das Nacións-Carvalho Calero e Morón-Castiñeiros-Pelamios. En San Pedro estará prohibido o estacionamento na Cruz de San Pedro a partir das 18.00 horas, e na rúa José Antonio Souto Pazo non se poderá circular desde as 20.00 horas. Tamén se pechará ao tráfico a rúa Fernando III O Santo, no tramo comprendido entre República Arxentina e a rúa da Rosa, a partir das 21.00 horas.
Medidas de seguridade
Xan Duro lembrou as normas de seguridade para as cacharelas, insistindo en que “vimos da primavera máis seca da historia e o risco de incendios é moi alto, o que fai indispensable que a veciñanza actúe con responsabilidade, sobre todo no ámbito rural”. O concelleiro explicou que as fogueiras do ámbito urbano non poden sobrepasar os dous metros de diámetro, os seis de perímetro, nin o metro de altura; mentres que na zona rural a cacharela non pode medir máis de tres metros de diámetro, nove de perímetro nin tres metros de altura.
O edil incidiu na importancia de respectar a distancia esixida entre as fogueiras e os edificios, árbores ou mobiliario urbano, que será dun mínimo de 12 metros, salvo na zona urbana. Tamén haberá que ter coidado de que as fogueiras non estean baixo tendidos eléctricos, e está prohibida a queima de neumáticos, plásticos, aceites ou calquera substancia inflamable. A hora límite para rematar as celebracións é as 3:30 horas da madrugada, e os organizadores deberán deixar as cacharelas totalmente apagadas.
Saltos máis seguros
O concelleiro tamén apelou á responsabilidade á hora de cumprir coa tradición de saltar as cacharelas. A primeira recomendación é “non intentar o salto despois de ter consumido alcohol”. Ademais, é preciso levar o calzado axeitado (nin chanclas nin zapatos de tacón), e roupa que non sexa frouxa para que non enganche con calquera pola ou pau. Tamén é recomendable que o salto se faga nun só sentido e só, porque non todas as persoas levan a mesma velocidade e capacidade de impulso.
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que para a noite de San Xoán reforzaranse os servizos dos Bombeiros e da Policía Local, e a Protección Civil terá tamén todos os seus efectivos dispoñibles.