En todas as parroquias do municipio celébrase a tradición de comer sardiñas e saltar por riba do lume purificador
Ao longo dos últimos días o Concello de Ordes leva tramitado máis de 300 permisos de cacharelas para a Noite de San Xoán, requisito imprescindible para poder cumprir con esta tradición. Centos de veciños, veciñas, asociacións, agrupacións etc cumprirán co ritual de saltar o lume. Non faltarán o churrasco, as sardiñas á brasa e o bo viño.
Como é habitual a vila de Ordes acada o maior número de solicitudes, aínda que non haberá parroquia na que non se vaia prender algún lume. O Concello insiste na importancia de respectar as normas de seguridade indicadas tanto no bando municipal emitido como nas follas de solicitude. Entre as máis importantes sinálase que o volume de combustible da cacharela non excederá os 8 metros de perímetro e os 3 metros de altura e non poderá situarse baixo tendidos eléctricos ou telefónicos; a separación cos edificios e árbores será como mínimo de 8 metros; queda prohibida a queima de pneumáticos, plásticos, escumas de poliuretano, aceites ou produtos que conteñan líquidos inflamables, gases a presión ou que ao arder poidan desprender fume tóxico. Os restos deben quedar perfectamente apagados ao remate da celebración e deberán retirarse nun prazo máximo de 24 horas. No caso das vías públicas pavimentadas e beirarrúas deberase colocar unha chapa metálica con capa de area para protexer a zona. O dito material será facilitado polo mesmo Concello no caso de que así se precise.