A Xunta segue a apostar pola mellora destas infraestruturas co obxectivo de optimizar o servizo á cidadanía e o correcto funcionamento do parque móbil galego
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá as instalacións da empresa Supervisión y Control (SyC-ITV), concesionaria do servizo da Inspección Técnica de Vehículos na Comunidade autónoma. En concreto, percorreu as dependencias da estación do polígono de Espíritu Santo, acompañado polo xerente xeral, Luis Espiñeira, e polo director de Proxectos, Julio García Cordonié. Os datos sobre as inspeccións realizadas durante o ano 2016 na provincia da Coruña revelan que 522.416 vehículos efectuaron a súa primeira inspección periódica, 153.095 a segunda inspección (para corrixir deficiencias detectadas) e 13.991 realizaron inspeccións non periódicas.
En Espíritu Santo funcionan na actualidade cinco liñas de inspección, tres delas universais e outras dúas dedicadas a vehículos lixeiros, que permiten realizar todo tipo de inspeccións, tanto periódicas como non periódicas. Ademais, nesta estación é onde se atopan os Servizos Centrais de SyC-ITV, formados polo departamento técnico, o de contabilidade, recursos humanos, sistemas, xerencia e dirección xeral. Todos eles dan cobertura á rede de estacións, ademais de albergar o Laboratorio de Frío de Galicia, de inminente entrada en servizo, creado para que vehículos refrixerados poidan realizar as súas respectivas inspeccións nestas instalacións, o que evitará que teñan que desprazarse a outras comunidades autónomas para se someter aos controis periódicos.
A estación de ITV de Espíritu Santo levou a cabo 108.681 primeiras inspeccións periódicas, 34.053 segundas inspeccións e 3.433 non periódicas, o que confirma o peso desta estación no total da rede de ITV de Galicia. Conta cun persoal de 30 traballadores na nave, incluídos unha directora de estación, dúas ordenanzas e dous xefes de estación; seis traballadores nas oficinas administrativas e unha directora de produción. Ademais, os Servizos Centrais están formados por seis traballadores no departamento técnico, dous no túnel de frío, tres en informática e dez persoas en primeira planta entre as que se agrupan os departamentos de contabilidade, compras, recepción e recursos humanos, así como a dirección xeral e xerencia.
Medio milleiro de traballadores
En total, a Rede galega de ITV conta con 25 estacións fixas e dez unidades móbiles, cun total de 84 liñas de inspección que empregan a preto de 500 persoas. Proximamente o número incrementarase coa ITV do Carballiño, que está en fase de construción, e a da Coruña, en tramitación administrativa.
O delegado territorial da Xunta na Coruña indicou que a Xunta segue apostando pola mellora deste tipo de infraestruturas co obxectivo de optimizar o servizo á cidadanía e o correcto funcionamento do parque móbil galego. Neste aspecto, puxo en valor o esforzo que está levando a cabo a empresa a través dun Plan de Investimentos que superará os dez millóns de euros. Así mesmo salientou o labor da ITV galega que, segundo afirmou, é “un exemplo de innovación e eficiencia”. Rodeiro sinalou que “a mellora da rede de ITV garante que os coches que circulan polas estradas galegas cumpren cos parámetros fixados de forma rigorosa, ao tempo que impulsa a competitividade das empresas e polígonos industrias onde se emprazan.
Neste eido, o da competitividade, a Xunta está a executar a Axenda Galicia-Industria 4.0, que aprobou en 2015 co obxectivo de apoiar a modernización do tecido produtivo galego. Entre os principais obxectivos desta folla de ruta están alcanzar en 2020 a creación de 50.00 empregos na industria e incrementar o peso da actividade industrial no PIB galego. Nos dous primeiros anos de execución da Axenda, impulsáronse accións por 143 millóns de euros, un 19% máis do previsto inicialmente, e creáronse máis de 11.500 novos empregos industriais.