O alumnado de infantil e Primaria do CPI Monte Caxado pasa a integrarse no CEIP A Magdalena e o de Secundaria no IES Moncho Valcarce
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acomete, de cara ao vindeiro curso 2017/18, a reorganización escolar no Concello de As Pontes co fin de mellorar a calidade educativa para o alumnado así como a atención á diversidade.
Esta reorganización afecta ao CPI Monte Caxado, cuxos alumnos de infantil e primaria (un total de 195) pasarán a escolarizarse no CEIP A Magdalena (separado por unha valla do centro que se extingue) e os de ESO (67) no IES Moncho Valcarce. Polo tanto, desde o punto de vista de desprazamento non supón ningún cambio para os alumnos e as familias, xa que o CPI e o CEIP se atopan no mesmo recinto educativo e o IES está moi preto.
A planificación fíxose tendo en conta criterios pedagóxicos, demográficos, xeográficos e de xestión responsable dos recursos públicos, sempre mantendo a calidade do ensino. Neste senso, cómpre destacar que tanto no CEIP coma no IES se respectan as rateos máximas de alumno por aula, e se aumentan os recursos en atención á diversidade mediante a optimización de recursos tanto de persoal como das instalacións.
Mellora da oferta educativa
Neste caso, lógrase mellorar a oferta educativa, xa que existe a posibilidade de configurar máis itinerarios formativos, e os centros receptores poden optar en mellores condicións a proxectos, a contratos-programa e mesmo poñer a disposición dos alumnos máis materias de libre configuración (xa que un dos requisitos é o número de alumnos, e moitos centros non dispoñen dos alumnos suficientes para poñelos en marcha).
Cómpre lembrar que os actuais Centros Públicos Integrados (CPI) foron unha solución que se habilitou en 1997 derivada da transformación da EXB, a implantación da ESO e a consecuente ampliación a dez anos da escolaridade obrigatoria. Naquel momento optouse por mesturar alumnos de primaria e secundaria, sobre todo naquelas zonas rurais onde a falta de Institutos xeraba longos desprazamentos para os rapaces, porque carecían dun instituto no seu termo municipal e incluso en concellos próximos. A día de hoxe, vinte anos despois, a realidade sociodemográfica e educativa ten mudado considerablemente, e non fai necesarios algúns CPI creados para satisfacer as demandas educativas daquel momento, pero que, co paso do tempo e o aumento da poboación, mesmo están a carón dun IES, como é o caso do CPI Monte Caxado. A isto hai que engadir as razóns de tipo pedagóxico e psicolóxico que aconsellan que os alumnos da ESO convivan e interactuen con mozos e mozas da mesma idade.
Cadro de distribución de alumnado/aulas tendo en conta a previsión de matrícula para o curso 2017/18:
Curso 2017-18 INFANTIL PRIMARIA TOTAL
3 4 5 Total 1º 2º 3º 4º 5º 6º Total EI+EP
CPI Monte Caxado Alumnado 23 23 25 71 25 25 24 17 13 23 127 198
Unidades 1 1 1 3 1 1 1 1 1 1 6 9
CEIP A Magdalena Alumnado 23 18 25 66 16 22 17 15 22 9 101 167
Unidades 1 1 1 3 1 1 1 1 1 1 6 9
RESULTADO DA INTEGRACIÓN Alumnado 46 41 50 137 41 47 41 32 35 32 228 365
Unidades 2 2 2 6 2 2 2 2 2 2 12 18
(*)Como pode observarse, esta previsión supón que o centro resultante terá 6 unidades de infantil e 12 unidades de primaria; e en todas as unidades, o número de alumnos/as é inferior ao máximo.
Á vista da previsión de matrícula para o curso 2017/18, en secundaria, a distribución quedaría da seguinte maneira:
1º ESO 2º ESO 3º ESO 4º ESO
Alumnado Grupos Alumnado Grupos Alumnado Grupos Alumnado Grupos
2017/18 36 2 75 3 71 3 57 2
(*)A rateo máxima de alumno por aula dáse en 2º de ESO, con 25 alumnos (lonxe dos 30 legalmente establecidos)