A Corporación Municipal de Fene recibe este xoves ao profesorado e alumnado do CPI A Xunqueira e do IES de Fene que participou na First Lego League e noutros concursos de robótica. O acto terá lugar o xoves, 22 de xuño, ás 12.00 horas no salón de plenos da Casa do Concello.
O equipo Eco Keepers, do colexio A Xunqueira acadou neste curso 2016-17 o premio da Universidade da Coruña ao Proxecto Científico (fase autonómica da First Lego League) e o premio Gabadi ao Comportamento do Robot (fase autonómica da First Lego League).
Pola súa banda, o equipo Fire Detectors, do mesmo centro, fíxose co 1º Premio Fundación Scientica ao gañador da fase autonómica da First Lego League, xunco co premio Global Innovation Award (fase autonómica da First Lego League). Este último galardón “é un pase de representación de Galicia para participar no Global Innovation Award”, certame ao que concurren aqueles proxectos científicos “que o xurado considera que son os máis adecuados para levar á vida real”.
Tamén foi sobresaínte a participación do IES de Fene na First Lego League. O equipo deste centro, formado por oito alumnos/as, acadou o premio de equipo de “Mellor deseño e comportamento do robot”. Ademais, foi primeiro no concurso de robótica Mecano, da Universidade da Coruña, e participou nas actividades e concurso de robótica da Fundación Barrié de la Maza e no concurso STEM da Xunta de Galicia. Deste último, aínda non se fixo público o fallo.