Friday 22 de November de 2024

O Concello de Oroso amosa a súa solidariedade co municipio irmán de Góis e ofrece os seus medios e colaboración na loita contra o lume


O Concello de Oroso amosa a súa total solidariedade co municipio portugués de Góis, afectado polos lumes que están a asolar estes días o distrito de Coimbra, e ofrece os seus medios e a súa colaboración na loita contra os devanditos lumes. Tras confirmar que os lumes de Pedrógâo Grande se dirixían hoxe cara Góis, municipio co que Oroso está irmandado dende setembro de 2007, tanto o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, como o concelleiro de Urbanismo, Antonio Leira, se puxeron en contacto cos distintos membros da Cámara Municipal de Góis, encabezada pola súa presidenta María de Lurdes Oliveira Castanheira.

“Interesámonos pola situación actual e puxemos á súa disposición os modestos medios dos que dispón o Concello de Oroso para loitar contra o lume a axudar no posible á veciñanza”, explica Leira Piñeiro, quen apunta que “estamos á espera do que nos indiquen e, se fosen precisos, sairían de inmediato cara aló a botar unha man”. Un ofrecemento ao que tamén se sumou a Deputación da Coruña, segundo vén de confirmar o Concello de Oroso.

Un forte vínculo

Oroso e Góis son dous municipios irmandados dende setembro de 2007 e que manteñen un intenso intercambio a nivel cultural, social, político e deportivo. Unidos inicialmente en torno ao certame internacional GóisOrosoArte, ambos municipios teñen intercambiado artistas, grupos musicais e mesmo equipos deportivos, que puideron comprobar como é actuar nun país diferente ao propio.

Curiosamente, ese mesmo mes de setembro de 2007, unha delegación orosá participou nunha reunión internacional de Protección Civil Coimbra-Galicia para intercambiar experiencias e programas de prevención en materia de Protección Civil entre Galicia e Portugal. Un encontro no que se concluíu que Galicia e o norte de Portugal son zonas dunha similar orografía, polo que resultaba moi interesante coñecer as experiencias de cada beira do Miño.

Nesta reunión participaran, entre outros, o secretario de estado de Protección Civil de Portugal, o Governador Civil do Distrito de Coimbra, o presidente da Cámara Municipal de Góis e persoal do gabinete técnico florestal da Cámara Municipal de Góis e do Plano Distrital de Defesa da Florestal contra incendios-CODIS por parte lusa; e a directora xeral de Protección Civil, a directora xeral de Administración Local e o alcalde de Oroso, por parte galega.