Un dos cursos é de condución de carretas elevadoras e outro de manipulador de alimentos para decembro
O Concello de Frades vén de presentar a súa oferta formativa para o vindeiro mes de decembro, que inclúe a convocatoria dun curso de condución e manexo de carretas elevadoras e outro curso de manipulador de alimentos. Ambos cursos terán lugar na primeira quincena do mes de decembro e os veciños e veciñas interesados en participar teñen que dirixirse ao Concello de Frades ou chamar ao 981 69 55 67.
O curso de carretilleiro terá unha duración de 20 horas lectivas e o seu prezo de matrícula é de 100 euros para os veciños de Frades. O curso impartirase de forma presencial e a distancia, de xeito que cinco das horas teóricas terán lugar no multiúsos de Frades e outras 5 horas prácticas terán lugar na Cooperativa Central de Frades. As outras 10 horas serán de formación on-line.
Os alumnos e alumnas que se apunten ao curso estarán capacitados para conducir carretas elevadoras con precisión e seguridade, realizar tarefas de paletización e despaletización, así como facer operacións de mantemento e reparacións básicas na máquina. A formación ofrecida axústase ás normas de seguridade e de prevención de riscos laborais.
Manipulador de alimentos
Paralelamente, o Concello de Frades convoca un curso de Manipulador de Alimentos, que terá lugar no multiúsos de Frades na primeira quincena de decembro, en horario de tarde. Trátase dun curso de 3 horas formativas que permiten obter o carné de manipulador de alimentos, que faculta ao seu posuidor para obter traballo en empresas relacionadas coa manipulación de alimentos no sector hostaleiro (camareiros, panadeiros, dependentes de ultramarinos…), no sector alimentario, en comedores escolares… Durante o curso, os alumnos e alumnas aprenderán tamén distintos conceptos sobre nutrición, a hixiene e manipulación dos alimentos, así como os distintos métodos de conservación dos alimentos.