Mirás asegura que “estamos moi ilusionados co esta asociación, que nace para promover ese diamante en bruto que é o Camiño Inglés” e anuncia que “seguiremos traballando para sumar aos Concellos de A Coruña, Culleredo e Cambre”
Representantes de 14 dos 18 municipios polos que discorre o Camiño Inglés reuníronse esta mañá en Carral para constituír formalmente a Asociación do Camiño Inglés, que nace co obxectivo de promover esta ruta xacobea. Unha asociación que estará composta polos Concellos de Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago; non sumándose inicialmente á iniciativa os municipios de A Coruña, Culleredo e Cambre.
Unha reunión celebrada no edificio social Toñito Espiñeira de Carral na que se aprobaron a acta fundacional, os estatutos e a primeira directiva, á espera da autorización formal da Xunta de Galicia. Así, a Asociación do Camiño Inglés estará presidida polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, quen sinala que “estamos moi ilusionados coa posta en marcha desta asociación, que nace para promover ese diamante en bruto que é o Camiño Inglés”.
Un traballo para o que considera necesaria a colaboración dos 18 municipios polos que pasa esta ruta xacobea e que se reuniron por primeira vez o pasado 22 de abril nunha feira promocional celebrada en Betanzos dentro da campaña “Primavera no Camiño” da Deputación da Coruña. “Lamentamos que hoxe non houbera representación por parte dun Concello como Santiago e seguiremos traballando para que entren tamén a formar parte da asociación os Concellos da Coruña, Culleredo e Cambre”, confirma Manuel Mirás.
Directiva
A reunión de hoxe serviu para conformar a primeira Xunta Directiva da Asociación do Camiño Inglés, que estará presidida polo Concello de Oroso. A Vicepresidencia corresponderalle ao Concello de Ordes, mentres que a Secretaría será para o Concello de Betanzos e a Tesourería para o de Carral, que correu con todo o traballo administrativo para a constitución da asociación. Os municipios de Mesía, Pontedeume e Narón ocuparán as tres vogalías creadas. “Tamén temos a intención de convidar á Deputación da Coruña e a outras entidades administrativas, sociais e empresarias a formar parte da asociación”, adianta Mirás Franqueira.
O presidente da Asociación do Camiño Inglés apunta que “mentres agardamos pola autorización formal da Xunta, a nova directiva vai comezar a traballar na promoción do Camiño. Hoxe non decidimos cando será a primeira reunión, pero calculo que debería convocarse nos próximos quince días”. Así mesmo, salientou o traballo realizado polo Concello de Carral, “que foi quen dende o principio se encargou de sacar adiante todo o traballo administrativo para a constitución da asociación”. Neste sentido, Mirás lembra que “inicialmente se falou de crear un Consorcio do Camiño Inglés, pero desbotamos esa posibilidade porque requiriría a contratación de habilitados nacionais e iso suporía importantes gastos, polo que ao final optamos por crear unha Asociación do Camiño Inglés na que cada un dos municipios polo que pasa esta ruta xacobea estará representado polo seu alcalde ou alcaldesa, ou por aquela persoa na que deleguen”.