Promovida pola Deputación da Coruña a iniciativa combate a discriminación sexual e aposta pola diversidade e a tolerancia. A iniciativa xira en torno á celebración do Día do Orgullo LGTBI o vindeiro 28 de xuño
O Concello de Ordes vén de sumarse á campaña que promove a área de Igualdade da Deputación da Coruña. Unha iniciativa que nace co fin de contribuír a eliminar as discriminacións, concienciar sobre a tolerancia e apostar pola diversidade sexual, e que xira arredor do Día do Orgullo LGTBI que se celebrará o vindeiro 28 de xuño.
En palabras de Susana García, concelleira de Benestar Social, “dende o Concello de Ordes apoiamos calquera iniciativa institucional que supoña un paso adiante no avance da nosa sociedade e dos dereitos da cidadanía, especialmente daqueles grupos ou colectivos que os vexan ameazados ou padezan a inxustiza da desigualdade. O respecto aos distintos modos de sentir e de pensar é un dos piares nos que se debe fundamentar unha sociedade xusta e igualitaria, polo que estamos dispostos a traballar na medida das nosas posibilidades polos dereitos do colectivo LGTBI e conmemorar como se merece un día tan sinalado como o é o 28 de xuño”.
Trinta municipios
A día de hoxe son trinta os municipios de toda a provincia adheridos a esta campaña. “Búscase que se adhiran ao obxectivo común de concienciar e mudar mentalidades sobre as diversidades sexuais e identidades de xénero para acadar unha sociedade máis xusta e igualitaria, traballando sobre a igualdade, a dignidade, a pluralidade, a diferenza e o respecto”, explicou a técnica de Igualdade da Deputación, Eva Ovenza, arredor da filosofía da campaña.
Ánxela Franco, responsable da área de Igualdade da Deputación, resalta a importancia que ten que “os concellos sumen as súas forzas e os medios necesarios para esta conmemoración, co fin de enviar unha mensaxe común de loita contra o acoso, a homofobia e as distintas formas de discriminación e a favor das diversidades como maneira de estar no mundo.
A campaña difundirá vídeos, carteis e diverso material cunha imaxe común de impacto para concienciar á sociedade na realidade da diversidade sexual. Para isto empregaranse tanto as redes sociais, como páxinas web, publicacións e edificios públicos. Tamén se inclúe unha proposta de campaña propia para a difusión a través das distintas redes sociais. A Deputación da Coruña, a través da área de Igualdade, animará ese día a que os concellos luzan a bandeira da diversidade sexual nas súas dependencias ou mesmo a través de iluminación nos edificios municipais.