Monday 25 de November de 2024

Concello e empresarios da Xira chegan a un acordo para acabar coas verteduras


O Concello de Cambre chegou a un acordo cos propietarios das naves industriais do Polígono da Xira para realizar un saneamento integral na zona que acabe dunha vez por todas coas verteduras.

Fai máis dun ano, despois das verteduras detectadas pola Xunta de Galicia, e das inspeccións municipais, ante as fecais que ían parar ao río Baliña provenientes desas naves, o Concello decidiu paralizar durante uns días a actividade destas empresas ata paralizar o foco da vertedura. Comprobouse que a rede de pluviais non se separaba da de fecais e por tanto achouse un importante foco de contaminación.

Nestes momentos, grazas a un acordo entre o Concello e os propietarios desas naves, dispostos a erradicar este importante problema para o medio ambiente, levará a cabo unha actuación conxunta para liquidar as verteduras. A administración local encargarase de de o proxecto técnico e da dirección de obra e os propietarios da contratación e execución do saneamento.

Con este acordo o Concello espera liquidar un problema que se detectou o ano pasado e que durante anos afectou o medio ambiente. Agradece a disposición dos propietarios destas naves para eliminar un problema que afecta a todos os veciños de Cambre.

Paralelamente dotouse das licenzas oportunas de actividade a estas naves que durante anos operaron no termo municipal á marxe da lexislación urbanística. “Antes ninguén se preocupaba da situación destas empresas e este goberno solicitoulles que fixesen os cambios oportunos para poder concederlles a licenza, necesaria para dotalas de seguridade xurídica”, apuntou Juan Leirós, edil de Urbanismo.