Friday 22 de November de 2024

Concello de Fene e Portos de Galicia manteñen un novo encontro para avanzar na recuperación da ribeira de Barallobre


O ente autónomo asumirá a demolición da antiga EDAR de Maniños

O alcalde e mailo edil de Urbanismo de Fene reuníronse na mañá do venres co director de Portos de Galicia e co xefe da zona norte deste organismo co obxectivo de facer un seguimento do plan de demolición da nave de Fondomar, pero tamén para informar a Portos sobre o baleirado da antiga EDAR de Maniños coas miras postas en que o ente tamén se faga cargo do seu derrubo. No encontro mantido entre Juventino Trigo e Justo Martínez con José Ignacio Villar e Antonio López chegouse ao acordo de que o Concello prepare un documento actualizado sobre os usos que se lle queren dar á zona para que, posteriormente, Portos o incorpore ao seu plan de recuperación da ribeira.

Tal e como sinalou Trigo, as liñas de traballo de Portos de Galicia e do Concello “son coincidentes” na procura dunha rehabilitación integral do espazo comprendido entre a rúa Riveiroa e o peirao de Maniños que, ademais, “combine a actividade económica coa deportiva e o lecer”.

O primeiro paso dado nese camiño foi o da contratación por parte de Portos do proxecto de demolición da nave e do peche perimetral das instalacións de Fondomar. Un proxecto que, segundo lle aseguraron os responsables do ente ao rexedor local, “podería estar listo este mesmo mes”.

Co documento técnico na man, Portos ten intención de contratar as obras de demolición para converter a área de 3.300 m2 nun grande espazo verde que, xa nunha segunda fase, teña un desenvolvemento económico, social e lúdico vencellado ao mar.

Cómpre lembrar que o espazo propiedade de Portos de Galicia comprende 400 metros de liña marítima onde se atopan a lonxa da confraría de Barallobre, unha área arborada e o paseo marítimo Bieito Cupeiro, flanqueadas en ambos estremos polas ruínas de Fondomar e polas da EDAR de Maniños.

Neste sentido, o Concello tamén aproveitou o encontro do venres para entregarlle ao organismo portuario o informe que certifica a finalización dos traballos de baleirado da antiga depuradora, ubicada na súa maior parte en terreos do ente autonómico. A pretensión municipal é que Portos asuma a demolición das instalacións, “ben modificando o proxecto de Fondomar ou ben redactando un novo específico para a depuradora”, explicou Juventino Trigo. Unha proposta que, en palabras do alcalde, “foi ben vista” polos representantes deste organismo. Unha vez derrubada a depuradora, o espazo prepararase tamén como zona verde integrada no resto do paseo.

Porén, máis aló das actuacións inmediatas, a xuntanza con Portos de Galicia tivo como finalidade “coordinar o futuro de toda a área, en especial a ocupada hoxe por Fondomar”. A proposta municipal para a parcela pasa por convetela nun espazo dotacional para a actividade marisqueira, pero tamén para o lecer e o deporte.

Nela poderían situarse dependencias para a reparación de embarcacións e outro material de traballo de mariscadores e mariscadoras, espazos para entidades relacionados coas actividades acuáticas -como por exemplo a vela, o piragüismo ou o submarinismo- e incluso cabería a posibilidade de destinar unha parte a usos hostaleiros.

En calquera caso, os responsables de Portos solicitaron que o Concello achegue un documento actualizado “que reflicta todos eses usos que se lle queren dar á área” para incorporalos ao seu propio proxecto de posta en valor da ribeira, que podería contar coa implicación da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do territorio á hora de executar os equipamentos.