Friday 22 de November de 2024

Alumnos do colexio de Carreira elaboraron un conto a prol da igualdade de xénero


Alumnos de 3º e 4º do CIP Carreira veñen de confeccionar un conto para a igualdade que foi dado a coñecer hoxe no Centro Cultural Lustres Rivas no marco do Xuño da Cultura e as Artes.

A iniciativa, promovida pola Concellería de Servizos Sociais a través do CIM dentro do programa de educación financiado pola Deputación da Coruña levou o título de “Conto contigo” e consistiu na elaboración de forma cooperativa e dende a perspectiva de xénero desta publicación como unha técnica para introducir ás rapazas e rapaces no mundo da coeducación, da igualdade e da corresponsabilidade, servindo así como recurso de eliminación de estereotipos e de roles socialmente asignados a cada un dos sexos.

Partindo da creación das personaxes principais, tanto descritivamente como graficamente, comézase a elaboración da historia e a creación do escenario onde esta vai a discorrer, introducindo referencias da historia do municipio como as heroínas de Sálvora.

O resultado foi dado a coñecer hoxe aos seus propios creadores do CIP Carreira nun acto que contou coa participación das concelleiras Esther Patiño e Herminia Pouso e de Dolores Crujeiras como directora do CIM. Proximamente está prevista a súa presentación á sociedade en xeral.