O obxectivo da reunión é afondar na relación turística e cultural establecida entre Galicia e Xapón en torno as vías de peregrinación
O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, e a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, mantiveron unha xuntanza co secretario xeral da organización sen ánimo de lucro ‘Peregrinación, Henro de Shikoku e a súa rede de hospitalidade’ e outros representantes da Illa de Shikoku. No encontro estivo presente tamén Nelson Honjo, dirixente da Asociación de Amigos do Camiño de Sao Paulo (Brasil).
O obxectivo da reunión é afondar na relación turística e cultural establecida entre Galicia e Xapón en torno as vías de peregrinación.
A Illa de Shikoku está a desenvolver unha ruta de peregrinación, Shikoku Henro, que se estende polas catro prefecturas que compoñen este territorio –a propia Kagawa, Tokushima, Ehine e Kochi- e están a estudar, como modelo de éxito, o Camiño de Santiago.
Neste senso, Turismo de Galicia mantén contactos continuados con representantes de Shikoku co obxectivo de asesorar e colaborar na consolidación desta ruta de peregrinación, como xa fixo anteriormente co Camino Kumano co cal o Camiño de Santiago mantén un irmandamento dende 1998 a través do cal establécense estreitos lazos entre Galicia e a Prefectura de Wakayama.
Ademais estase a traballar nun acordo de cooperación co obxectivo de que o intercambio e a colaboración non se limiten aos camiños de peregrinación, senón que abranga unha ampla gama de actividades.
Accións promocionais en Xapón
Turismo de Galicia, realizou durante este ano diversas acción promocionais en Xapón co obxectivo de reforzar a presenza galega neste país, debido ao interese que esperta a comunidade galega no mesmo, principalmente no relacionado co Camiño de Santiago, o turismo cultural, a gastronomía e a natureza.
Deste xeito, entre os días 3 e 5 de maio Galicia presentou a súa oferta turística aos principais operadores turísticos nunha misión comercial que se desenvolveu nas cidades de Tokio, Osaka, Fukuoka e Negoya.
Así mesmo, Turismo de Galicia participou entre os días 26 e 28 de setembro na feira JATA Travel Showcase 2014, que se celebrou na capital de Xapón. Neste ámbito, Turismo de Galicia presentóulles aos operadores turísticos as posibilidades que ofrece Galicia para a organización de viaxes turísticas. Ademais, o público final puido obter directamente información sobre a oferta turística da comunidade galega.
Tamén, a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, viaxou o pasado mes de outubro a Xapón onde mantivo unha xuntanza co responsable do departamento de Asuntos Exteriores do órgano administrativo xaponés, Jun Hajiro, e representantes da Prefectura de Kagawa. Carmen Pita explicoulles o proceso seguido pola Xunta de Galicia e a Administración do Estado para a declaración do Camiño de Santiago como Patrimonio da Humanidade e como Primeiro Itinerario Cultural Europeo e as distintas rutas do Camiño así como a protección coa que contan por parte da Xunta de Galicia.
Durante a súa estadía en Xapón, a directora de Promoción de Turismo de Galicia, inaugurou a exposición ‘Peregrinatio. O Camiño’, no Aeon Hall da cidade de Wakaya, na Illa de Honshū.
Por outra parte, entre os días 19 e 21 de marzo, un grupo de sete operadores turísticos xaponeses visitaron a comunidade galega para coñecer in situ a oferta turística galega, dentro dunha viaxe de familiarización turística organizada por Turismo de Galicia.
Viaxeiros e peregrinos procedentes de Xapón
Todas estas actividades e compromisos adquiridos están a repercutir de forma directa na chegada de turistas procedentes de Xapón a Galicia.
Os viaxeiros procedentes de Xapón na nosa comunidade alcanzaron nos primeiros nove meses deste ano os 10.781 viaxeiros, un 47,5% máis que no mesmo período no ano pasado.