Friday 22 de November de 2024

As novas empresas de Santiago xa poden solicitar as axudas de Compostela Móvese


Compostela Móvese ten dúas grandes liñas de traballo, unha de axudas a novas empresas, e outra de actividades de dinamización económica, cun orzamento total de 235.000 euros.

A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou no Pazo de Raxoi a terceira edición de Compostela Móvese, programa que naceu no 2015 e que recolle as múltiples actividades que desenvolve a Oficina de Promoción Económica municipal para impulsar un novo modelo económico para Santiago apoiándose nas principiais fortalezas da cidade.

Compostela Móvese ten dúas grandes liñas de actuación diferenciadas. Por unha banda, unha liña de axudas á creación de empresas que busca apoiar o crecemento apostando polos sectores económicos definidos como claves para o desenvolvemento sostible do Concello; por outra banda, unha liña de actividades de dinamización económica que parte da base da riqueza en coñecemento, profesionais e ideas de Santiago e busca artellar espazos de intercambio, formación e crecemento.

Axudas a novas empresas
Esta liña conta cun orzamento de 80.000 euros. Poderán resultar beneficiarios das axudas previstas nesta convocatoria as persoas físicas ou xurídicas que comezaran a súa actividade entre o 1 de xaneiro de 2016 e o 31 de maio de 2017 e que teñan a súa sede social, fiscal e de actividade no Concello de Santiago, sempre e cando a actividade empresarial iniciada supoña o autoemprego, cando menos, de unha das persoas promotoras da mesma.

Dinamización económica
A liña de actividades de dinamización económica de Compostela Móvese conta cun orzamento de 155.000 euros. Inclúe, entre outras, as seguintes accións.

Aposta por ti: Servizo de Consultoría permantente con accións formativas puntuais para persoas que queiran emprender. Incorporarase en todas as accións a priorización dos modelos de economía social e a aposta polos sectores económicos descritos nos obxectivos do programa.

Invest Compostela: Elaboración de proxectos comprometidos no acordo de reindustrialización do Polígono do Tambre. Actividades de consultoría na captación de fondos europeos, accións de promoción da cidade como espazo para empremento e investimento con especial atención aos sectores priorizados no Acordo para a reindustrialización de Compostela. Elaboración da Guía Invest Compostela e informes de coxuntura económica. Dinamización do Escaparate empresarial.

Efecto Proximidade: Programa de dinamización e mellora de competitividade dos mercados do de Santiago, en especial o mercadiño de Salgueiriños e o Mercado de Abastos de Santiago a través de medidas como unha programación especial de actividades lúdicas e formativas en datas sinaladas, dirixidas a un público familiar, para favorecer a presenza de familias nos mercados.

Finalmente tamén haberá unha liña de promoción das industrias creativas na cidade a través do patrocinio da Galicia Maker Faire que se realizará en Santiago de Compostela.