A AGFA do Eume consegue que se recoñezan oficialmente cerca dun cento de variedades autóctonas
Cos exames feitos e agardando polas notas, a última semana de cole é, de sempre, tempo de lecer que pasa máis rápido fóra da aula. Máis rápido e mellor, xa que manter os nenos e nenas na clase con pouco ou nada que facer debe ser un auténtico suplicio para o profesorado. Por iso nestes últimos días previos ás vacacións búscanse actividades para facer ao aire libre. Hoxe, sen ir máis lonxe, 140 alumnos e alumnas do colexio público de San Sadurniño e do Manuel Fraga Iribarne de Cariño achegáronse en tres quendas ata a horta de conservación de froiteiras autóctonas Carlos Fornos, en San Sadurniño, para ver todo o que alí hai, pero tamén para liberar parte desa enerxía que teñen contida esperando a que chegue o venres.
A visita encádrase no programa de divulgación da horta incluído no convenio suscrito entre o Concello e a AGFA do Eume, pero tamén no interese dos dous centros de ensino por fomentar os valores ambientais, o coñecemento do medio e unha alimentación saudable.
Ao longo desta mañá achegáronse pola horta uns 140 nenos e nenas dos cursos de Primaria -1º, 2º, 3º e 4º-, que atenderon as explicacións dos representantes da asociación e tamén as do edil Manolo Varela e do técnico Ignacio Fernández por parte do Concello. A finalidade da horta -na que existen 150 variedades froiteiras do país-, os coidados que require, cales son os tipos de froitas que se colleitan nela e mesmo que fauna convive coas árbores foron só algunhas das cousas que lle contaron á rapazada.
O patrimonio da horta segue medrando a medida que se van identificando e reproducindo en viveiro castes que noutro tempo tiñan moita difusión pero que agora, co abandono progresivo do agro, corren o risco de desaparecer. Neste sentido, a AGFA e mailo Concello están ampliando a colección con 30 novas variedades localizadas nos últimos anos. Os pés xa se empezaron a plantar en 2016 e o traballo aínda continúa neste 2017 de cara a chegar aos 180 exemplares, entre os que se contan pereiras, cerdeiras, maciñeiras, pexegueiros e ameixeiras.
En varias das plantacións tamén participou o colexio público e, de feito, a rapazada de San Sadurniño aproveitou a visita de hoxe para ver se se lograron ou non as castes que puxeron na terra o ano pasado.
Esta leira -na que tamén existe un colmear didáctico- está aberta ás visitas concertadas previamente a través dos teléfonos 605.614.816 e 647.016.351. Son sesións que se desenvolven paseando entre as froiteiras e con explicacións por parte do persoal da AGFA do Eume sobre os obxectivos da asociación, o proceso de creación da horta e información sobre as variedades e as técnicas agronómicas que requiren.
Os prezos das visitas guiadas están fixados en 20 € para grupos de 1 a 10 persoas adultas e en 2€ por persoa no caso de que o grupo chegue a 25. Para os centros de ensino de fóra de San Sadurniño estableceuse un prezo de 0,5€ por alumno/a.
Varias castes do Eume entran no catálogo estatal
Ademais de manter a horta de froiteiras, outro dos cometidos da AGFA do Eume é continuar identificando e recuperando variedades. Un obxectivo que levou á entidade a emprender unha campaña de recollida de sinaturas e outras accións conducentes a que o Ministerio de Agricultura incorporase ao catálogo estatal o maior número posible de castes do país.
Detrás da reivindicación está a necesidade de oficializar a existencia das variedades de toda a vida, pero tamén unha esixencia legal de ámbito europeo que, de non cumprirse, faría perigar o futuro da froita autóctona. E é que, segundo o novo Regulamento técnico de control e certificación de plantas de viveiro, só se poderán comercializar e plantar aquelas que estean “oficialmente recoñecidas” polos ministerios competentes en materia agraria de cada país membro.
A inminencia da aplicación da norma en España mobilizou á AGFA, que se dirixiu tanto ao Concello como á Xunta para recabar apoios neste sentido. Unha mobilización institucional e social que tivo éxito a principios deste ano coa publicación por parte do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente do listado oficial de variedades descritas desde Galicia. Un traballo de caracterización e identificación de planta e froito que, na súa maior parte, foi obra do viveirista e membro da AGFA, Ramiro Martínez.
O listado recolle 26 variedades de cerdeira, 14 de ameixa,25 de mazá, 13 de pexego e 18 de pereira. Son case un cento de castes entre as que aparecen nomes asociados desde agora á toponimia local, como é o caso dos pexegos “da Fontela” e as cereixas “Molariñas de Pielas”, lugares ambos situados en Naraío.