A titular autonómica ofreceu información sobre Galeuropa, Erasmus+ e Iniciativa Xove entre outros
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, reuniuse cun grupo de 40 mozos e mozas do Centro de promoción rural EFA Fonteboa para explicarlles, tras escoitar as súas inquedanzas sobre o futuro laboral, as posibilidades e programas que o seu departamento pón a disposición da mocidade, tanto en Galicia como noutros países europeos, para que adquiran competencias e habilidades que reforzarán a súa formación académica e a súa empregabilidade.
Cecilia Vázquez animou aos alumnos deste centro de formación agraria e gandeira a que sexan participantes activos dos programas da Xunta, “que non só poden axudarvos a abrir portas profesionais senón tamén a obter perspectivas diferentes sobre cara onde queredes dirixir o voso futuro xa que, entre as iniciativas en marcha, contamos con programas de educación non formal no estranxeiro a través dos que, ademais de mellorar os idiomas, poderedes coñecer como se traballa nas áreas que vos interesan noutros países europeos”.
A directora xeral citou, entre outros, a iniciativa Galeuropa, na que a Xunta investirá más de 2,1 millóns de euros, ou o Erasmus +. Neste sentido, lembrou que o desemprego entre os participantes destes programas diminuíu nun 67%, segundo un recente estudo da Universidade de Santiago.
Ante as dúbidas sobre como afrontar o emprendemento, a titular autonómica falou da aposta da Xunta por potenciar o liderado dos mozos e mozas a través do financiamento de proxectos pensados e xestionados por eles mesmos a través do programa Iniciativa Xove, ou poñendo á súa disposición espazos emprendedores incluídos no Proxecto Lidera.
Destacou, ademais, as iniciativas de voluntariado, cada vez máis valoradas nos currículos profesionais polos departamentos de recursos humanos, “que os axudará a potenciar valores como a solidariedade, a cooperación e o traballo en equipo”, afirmou Cecilia Vázquez.
Os participantes destes programas poden, ademais, obter certificados oficiais de educación non formal xa que Galicia é a primeira comunidade, e por agora a única, que avala as experiencias, competencias e habilidades adquiridas, posibilitando a integración nos currículos e facilitando o seu recoñecemento desde o ámbito empresarial como unha actividade valiosa na formación vital e profesional.