A Xunta de Goberno deu hoxe un paso importante de cara a que o CEIP Lamas de Abade sexa dotado de novas aulas. Foi coa aprobación definitiva da expropiación do dereito de uso da antiga casa do conserxe do centro, que agora utilizaba unha familia sen ningunha relación co colexio.
O Executivo local rexeitou o recurso de reposición presentado pola persoa afectada en relación ao prezo fixado para a expropiación forzosa, que se mantén en 13.209 euros. O alcalde, Martiño Noriega, salientou que o obxectivo é que a Consellería de Educación poida acometer durante o verán as obras que converterán a casa en dúas novas aulas.
A expropiación desta edificación ten a súa orixe no déficit de espazo no CEIP Lamas de Abade, e foi a única saída que lle quedou ao Goberno local despois de que a familia afectada rexeitara toda mediación tanto do Concello como da Valedora do Pobo. A medida foi acordada coa Consellería de Educación, que prevé converter a vivenda en dúas aulas, que poderían entrar en funcionamento de cara ao vindeiro curso 2017-2018.
Licitacións
En materia de licitacións, a Xunta de Goberno adxudicou o contrato do servizo de vixilancia e seguridade nas instalacións da UMAD, a Unidade Municipal de Atención ao Drogodependentes. A adxudicación foi para a empresa Seguridade A-1, por un importe dalgo máis de 45.000 euros anuais.
Na reunión de hoxe tamén se acordou abrir o procedemento de adxudicación do servizo de conserxería e limpeza de varias instalacións deportivas municipais. Trátase dun contrato importante pola súa contía, que supera os 820.000 euros anuais.
Convenios con entidades deportivas
Noutra orde de cousas, a Xunta de Goberno aprobou varios convenios con entidades deportivas para a celebración de diferentes actividades. Así, recibiu luz verde o acordo coa Federación Galega de Judo para a celebración da Copa de España Infantil de Judo, á que o Concello aportará 6.000 euros; e coa Agrupación Deportiva El Correo Gallego, para o desenvolvemento da 40ª Carreira Pedestre Popular de Santiago, á que se fará unha achega de 12.000 euros. Tamén se aprobou o convenio coa Federación Galega de Baloncesto para a celebración da IV Jamboree de Clubs de Minibasquet, por 10.000 euros; e o acordo coa Federación Galega de Tenis de Mesa para o desenvolvemento da eliminatoria da Liga Europea de Nacións, cunha achega municipal de 2.500 euros.
Outros acordos
Tamén recibiron luz verde hoxe os convenios coa Asociación de Médicos del Mundo, por 10.000 euros, e coa Asociación de Loitacontra as Enfermidades do Ril da Coruña, ALCER, por 2.000 euros.
Noutra orde de cousas, a Xunta de Goberno aprobou dúas convocatorias de axudas: as subvencións de cooperación ao desenvolvemento, ás que se destinarán un total de 90.000 euros; e as axudas para o fomento de actividades en prol da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e prevención e loita contra a violencia de xénero, por un importe total de 27.500 euros.
Por último, hoxe recibiu luz verde a programación das actividades de verán da rede de Centros Socioculturais, na que se investirán algo máis de 35.000 euros.