Friday 22 de November de 2024

Rexeitada a cuestión de confianza vinculada aos orzamentos de Ordes



Ábrese o prazo de trinta días para presentar unha moción de confianza con candidato alternativo. De non presentarse ou non prosperar esta o proxecto económico do Goberno Local quedará aprobado automaticamente

O Pleno ordense rexeitou a cuestión de confianza vinculada aos orzamentos municipais formulada polo rexedor, José Luis Martínez Sanjurjo. A presentación desta medida xorde xustamente unha semana despois de que, tamén en sesión extraordinaria, os ditos orzamentos non foran apoiados por ningún membro da oposición, contando tan só cos 5 votos do Goberno local.
A partir de agora o resto da Corporación dispón dun mes para presentar unha moción de censura con candidato alternativo a alcalde. De non presentarse ou prosperar esta medida automaticamente entenderanse por aprobados os orzamentos.
Martínez Sanjurjo explicou que ante a situación formulada a única alternativa á cuestión de confianza pasaba por “continuar un ano máis coa prórroga que se leva dando dende 2015, o que impediría cumprir cos compromisos adquiridos coa veciñanza e os derivados do programa electoral que presentamos no seu día”. Ante tal situación o rexedor e o seu equipo decidiron “de maneira conxunta facer uso dos mecanismos que permite a lei para conseguir a súa aprobación”.
Dende a bancada do Goberno foise especialmente crítico “co xeito de facer política valéndose de tránsfugas e situando os intereses dos ordenses por detrás dos persoais”. Un enfoque argumentado nos importes percibidos polos mesmos concelleiros que no seu día aprobaron o aumento de comisións e as gratificacións asociadas a estas.
800.000 € en xuros
Unha vez máis saíu a relucir a débeda xerada por UxO, que no seu día chegou aos 9 millóns de euros. Un dato “que pon de manifesto a política de descontrol levada a cabo e que supón o pago de máis de 800.000 € en xuros a día de hoxe” en palabras do alcalde. A voceira dos independentes, Silvia Marín, insistiu na falta de capacidade de diálogo “da que fai gala o noso alcalde” e manifestou a súa desconformidade por non permitir a votación das súas emendas durante o pleno do 8 de xuño, a pesar de que esta negativa fundamentouse no ditame dos técnicos municipais ao non contar co informe preceptivo.
O BNG negou o seu apoio en base a aspectos relacionados ás partidas que consideraron escasas para a axuda a deportistas, a creación do viveiro de empresas, a necesidade de mancomunar servizos como o guindastre ou polo feito de ter pagado 100.000 € en facturas sen xustificar herdadas do anterior Goberno.
Alejandro Manteiga, voceiro socialista, cualificou os orzamentos de “non bos para Ordes” e a situación de “insostible” polo que lle pediu ao resto dos concelleiros “ser consecuentes e razoables para entender o que ocorre hoxe aquí e non permitir que o PP saia coa súa”.