Friday 22 de November de 2024

A Xunta apoiou o Programa Integrado de Emprego de Arteixo, que xa acadou o acceso a un traballo do 60% dos participantes


Por quinto ano consecutivo, a Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Concello colaboraron nesta iniciativa, dirixida aos colectivos máis vulnerables

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou en Arteixo na entrega de diplomas do Programa Integrado de Emprego Arteixo-Integra 2016-2017, acto no que estivo acompañado polo alcalde, Carlos Calvelo. A Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia apoiou, por quinto ano consecutivo, ao Concello de Arteixo para a posta en marcha desta iniciativa.

Os Programas Integrados de Emprego melloran a inserción laboral dos seus participantes a través de itinerarios personalizados de orientación e asesoramento, ao tempo que ofrecen formación e prácticas en empresas. Estes programas, de feito, contan cunha inserción mínima do 25% dos seus participantes. No caso de Arteixo, a data de hoxe, coa fase de formación colectiva e prácticas en empresa xa rematadas, hai traballando un total de 36 alumnos, o que significa un 60% dos que inicialmente comezaron o Programa Integrado

A Xunta puxo en marcha o pasado ano 49 Programas Integrados de Emprego dirixidos tanto aos concellos como ás entidades sen ánimo de lucro dos que se están a beneficiar 3.500 persoas sen emprego. Para iso, a Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu preto dun 21% máis do orzamento que en 2015. A Xunta investirá este ano nesta medida, que se puxo en marcha por primeira vez o ano pasado, un total de 1,4 millóns de euros co que se prevé beneficiar a 450 alumnos a través de 30 unidades formativas. Este orzamento é ampliable para atender a todas as solicitudes sempre que cumpran cos requisitos establecidos na orde de axudas.

Arteixo-Integra 2016-2017 atende a 60 persoas pertencentes a colectivos como mulleres, menores de trinta anos, desempregados de longa duración e persoas perceptoras de prestacións ou subsidios por desemprego. A formación específica incluíu un curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais; dous cursos de caixeiro, repoñedor, mozo de almacén e manexo de carretillas, e un curso de axudante de cociña. Esta formación específica combinouse con outra transversal. Do mesmo xeito, durante o Programa, os alumnos realizaron prácticas laborais en empresas para facilitar a súa inserción laboral.

A Administración autonómica con esta actuación, que é unha demanda do tecido empresarial galego, financia o 100 por cento da formación das empresas que, pola súa banda, comprométense a contratar a un mínimo do 60% dos participantes. Aquelas compañías que superen este mínimo de inserción laboral contarán, ademais, con incentivos da Xunta para a contratación que poden chegar aos 9.000 euros no caso dun contrato indefinido.

O delegado territorial destacou este tipo de iniciativas como “un instrumento para aumentar as oportunidades laborais”. Ovidio Rodeiro engadiu que “a mellora da formación para desempregados é unha aposta clara para o Goberno galego porque incrementa as oportunidades para atopar un traballo”. Nese sentido incidiu en que este ano refórzase este eido cun incremento no orzamento dun 21,6% chegando ata os 86,2 millóns de euros.

Para continuar mellorando o potencial dos galegos e das galegas e que podan acceder ao mercado de traballo en igualdade, o Goberno galego centrará a programación do 2017 nos sectores con maiores índices de inserción laboral, cun enfoque claro na Industria 4.0 e naqueles que son estratéxicos e emerxentes, definidos na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0. Os menores de 30 contarán, ademais, cun programa específico de formación.

A formación para desempregados ampliarase, ademais, a través do programa Cualifica FP, que permitirá contar con máis de 3.200 novas prazas neste tipo de oferta formativa, xa que este ano impartiranse tamén este tipo de accións formativas nos centros de ESO e FP. Ovidio Rodeiro explicou que a Administración autonómica con esta actuación multiplica por tres o orzamento, o número de cursos e de prazas de formación para desempregados da rede pública. Por último, apuntou que estas medidas enmárcanse na Axenda 20 para o Emprego, a folla de ruta do Goberno galego en materia laboral coa que se prevé impulsar a creación de 80.000 novos postos de traballo ata 2020, a conversión de 50.000 contratos en indefinidos ou acadar unha inserción trala formación dun 60%.