Saturday 16 de November de 2024

Xuntanza do xurado do XXI Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor” 2017


Os debuxantes Xose Lois González Vázquez,“O Carrabouxo”, Alberto Cardona Valcárcel (gañador do primeiro premio na categoría Curuxa 2016) e Cristian Fojón Caruncho (gañador do primeiro premio na categoría Curuxa Nova 2016) forman parte do xurado dos Premios Curuxa 2017 que se reunirá o vindeiro martes, 20 de xuño, ás 11.00 horas no Museo do Humor de Fene. Tal e como se establece nas bases do certame, o xurado estará presidido polo alcalde de Fene, Juventino Trigo e -xunto cos tres debuxantes convidados- formarán parte do mesmo o concelleiro de Cultura, Justo Martínez, a coordenadora do Museo do Humor, Almudena Marcos e o xestor de actividades culturais do Concello de Fene, Daniel Romero (que actuará como secretario).

Alberto Cardona Valcárcel. Gañador do 1º Premio Categoría Curuxa 2016. Entrou de cheo no mundo da Banda Deseñada, formándose como debuxante na Escola Profesional de Ilustradores “O Garaxe Hermético”, en Pontevedra. Participou no cómic 221 Bd, sobre Sherlock Holmes, e no Fanzine Hermético 2. Previamente, traballou no mundo do ensino público e tivo algun que outro proxecto musical, amais de realizar ilustracións para os grupo Apocalypso!! e Terremoto Sí.
Tamén ten publicado os seus debuxos nas seguintes publicacións:
– Suplemento especial Eu son Charlie
– Suplemento Historia da BD
– Ilustración Calypso Trópico
Suplemento O retrato (cómic de 8 páxinas sobre Castelao)

Cristian Fojón Caruncho. Gañador 1º Premio Categoría Curuxa Nova 2016
. Gañador do III Certame de Banda Deseñada do IES PERDOURO e gañador do I Certame Benito Losada con “O home que liberou a fraga”
. Gañador do II Certame Benito Losada na categoría xuvenil con “O asubío das fouces”
. Gañador do III Certame Benito Losada na categoría xuvenil con “Por un saco de patacas”
. Gañador do III Certame Arcebispo Xelmirez con “O voo da vacaloura”.

Xosé Lois González Vázquez, “O Carrabouxo”. Natural de Osmo, Cenlle (Ourense), foi alí onde pasou a súa infancia, ata que aos dez anos mudou para Chantada. Estudou na universidade laboral de Zamora e logo fixo a carreira de Telecomunicacións en Alcalá de Henares e en Madrid. Rematados os seus estudos, traballou como xefe provincial de Telecomunicacións en Ourense, ata a súa xubilación en 2009, labor que compartíu coa súa faceta de humorista gráfico. Foi membro da directiva da Agrupación Cultural Auriense e presidente deste colectivo durante 13 anos.
Como humorista gráfico, Xose Lois traballou nos xornais La Región de Ourense, en Atlántico Diario de Vigo, na revista Tempos Novos e no semanario A Nosa Terra, publicando as suas viñetas do Carrabouxo , personaxe que creou en 1982 e co que comparte pseudónimo.
É autor de numerosos libros: Ano e pico de Carrabouxos; 20 anos de Carrabouxo (Deputación de Ourense); Novos chistes de Xosé Lois (A Nosa Terra); Humor gráfico; Xosé Lois na transición (Universidade de Vigo); 400 Carrabouxos mais; Carrabouxos 90 ; Veña Carrabouxo! ; A Sabeliña ; 318 chistes de Xosé Lois .
Participou tamén en publicación colectivas como Humor gráfico galego, Os humoristas e a lingua ou Humor y tolerancia, From Galicia whit humor, Visto para sentencia, Vamos a reirnos muy en serio del racismo-Europa se ríe del racismo, e tamén nas publicacións da Bienal da caricatura de Ourense e na mostra internacional portuguesa Humorgrafe.
Recibiu a Medalla Castelao no ano 2008 e en 2013 o premio Bo e Xeneroso da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
O seu personaxe, O Carrabouxo foi animado por Lhosca Arias no ano 2000 nunha serie titulada O Carrabouxo de 26 capítulos de 1’de duración.